Pasar al contenido principal

Docentes e investigadores da USC gañan os premios da Academia Galega de Ciencias

O catedrático da USC José Castillo, en pé, coordina a investigación na que tamén participan Tomás Sobrino e Francisco Campos
O catedrático da USC José Castillo, en pé, coordina a investigación na que tamén participan Tomás Sobrino e Francisco Campos

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de conceder o seu Premio de Investigación 2014 a un traballo que demostra que a terapia con células nai permite a recuperación eficaz e en menos tempo logo dun ictus e do que son responsables o catedrático da USC José Castillo e Tomás Sobrino e Francisco Campos, todos eles membros do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) participado pola USC e polo CHUS. Ademais, a Academia recoñece na categoría de novos investigadores ao físico de partículas da USC Iago Bea Besada, que co seu traballo dá un paso máis nun dos desenvolvementos máis notables da física teórica dos últimos anos, relacionado coa teoría de cordas, que permite reunir nun mesmo marco a teoría da relatividade xeral de Einstein –que explica o ámbito do máis grande (desde planetas a galaxias)– e a teoría cuántica de campos –que dá conta do máis diminuto (máis aló do interior dos átomos)–. O enfoque de Bea diríxese “cara a casos máis complexos, con intención de aproximarse ás teorías que rexen a natureza, en lugar de restrinxirse a meros exemplos matemáticos”. Aínda que a intención primeira desta investigación é comprender a natureza en si mesma esta abordaxe permite posibles aplicacións prácticas, como a creación de novos tipos de materiais, utilizables na construción de supercomputadores, ou outras tecnoloxías de nova xeración. Urxen solucións eficaces O traballo científico galardoado co XXIII Premio de Investigación, dotado con 6.000 euros, demostra que as estratexias reparadoras baseadas en terapia celular son unha vía eficaz para a recuperación das persoas afectadas por un ictus, enfermidade que afecta cada ano en Galicia a máis de 5.000 persoas e cunha incidencia en aumento debido ao aumento da esperanza de vida. “Moitas enfermidades neurolóxicas aumentarán a súa prevalencia nos próximos anos e sen dúbida dúas delas serán responsables dun grave problema de saúde, de magnitudes pandémicas e con enormes repercusións socioeconómicas: o ictus e a demencia”, asegura José Castillo, coordinador do equipo galardoado e director científico do IDIS. Na actualidade, menos da metade dos afectados por un ictus son capaces de retomar unha vida normal e o seu traballo; o resto quedan en situación de dependencia. Polo que respecta ao sistema sanitario, en España supón entre o 2 e o 4% do gasto total, ao que se suman os efectos asistenciais derivados de que o ictus estea detrás do 26% da discapacidade por enfermidade. Por iso urxen solucións terapéuticas eficaces, xa que as existentes na actualidade se limitan a restaurar o fluxo sanguíneo na zona danada e só se aplican a entre tres e cinco pacientes de cada 100. A solución proposta polos expertos do IDIS consiste en estimular os mecanismos de reparación espontáneos que experimentan os pacientes que conseguen superar a enfermidade e acurtar os períodos de recuperación funcional, que agora superan os 6 meses. Os seus resultados apuntan á eficacia do uso de células nai adultas circulantes en sangue periférica para a recuperación neurolóxica e funcional nun período de 3 meses. Segundo os responsables do equipo galardoado, o coñecemento da rexeneración do sistema nervioso e da súa recuperación tras sufrir lesións é “extraordinariamente positivo”. A estrutura e a función do sistema nervioso é menos ríxida do que se cría hai poucos anos e ten unha elevada capacidade para remodelarse. Os adultos poden orixinar novas neuronas, polo que a estimulación desta neuroxénese endóxena é unha vía moi prometedora para o tratamento de secuelas de enfermidades cerebrovasculares como o ictus. O obxectivo principal da terapia celular proposta polos investigadores do IDIS é mimetizar os procesos de reparación que se producen de forma natural no cerebro, restaurando a función cerebral a través da substitución das células mortas durante o ictus mediante o trasplante doutras novas ou a estimulación das células proxenitoras propias.

O traballo realizado partiu da identificación de dianas celulares asociadas coa recuperación neurolóxica e funcional que se dá de maneira espontánea en pacientes de ictus. Este estudo realizouse na Unidade de Ictus do CHUS, onde se controlou a evolución clínica dos pacientes seleccionados durante un ano. Unha vez identificadas as células capaces de orixinar a recuperación traballouse con elas no laboratorio para facer transplantes in vitro e realizouse un seguimento da súa evolución mediante técnicas non invasivas. Finalmente, testouse o método en animais con bos resultados.

Iago Bea avanza nun dos desenvolvementos máis notables da física teórica dos últimos anos relacionado coa teoría de cordas

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.01.2015.