Premio de Oral Diseases ao mellor artigo científico do ano para un traballo da USC
O traballo ‘HCV clearance from saliva of HIV–HCV-coinfected patients on treatment with interferon plus ribavirin’, da autoría dun equipo da USC, foi galardoado co premio ao mellor artigo de investigación orixinal publicado en 2014 na revista Oral Diseases, unha prestixiosa publicación do ámbito da odontoloxía. Os autores do estudo Javier F. Feijoo, Mirian Eirea, Maite Abeleira, Isabel Ramos, Antonio Ocampo, Pedro Diz e Jacobo Limeres pertencen ao grupo de investigación en Odontoloxía Médico-Cirúrxica (OMEQUI) da USC que dirixe este último. A principal achega da investigación, realizada na USC en colaboración co Hospital Xeral-Cíes (CHUVI), é que nos pacientes con hepatite C crónica coinfectados con VIH -nos que cabe agardar unha certa sinerxía viral- que responden ao tratamento con interferón pegilado/ribavirina as glándulas salivares non representan un santuario para o virus da hepatite C, aínda que o aclaramento viral na saliva pode ser máis lento que no sangue.