O estudantado da Escola Politécnica celebra desde hoxe ata o mércores 15 o Día da Terra con actividades educativas e de lecer

O estudantado da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC celebra o Día da Terra 2015 coa organización de diversas actividades formativas e de lecer que se desenvolverán no referido centro universitario lugués desde este luns 13 de abril ata o mércores día 15.
O programa de actos conmemorativos do Día da Terra promovido pola Liga Estudantil Galega en colaboración coa Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC xurde coa idea de concienciar sobre o efecto da especie humana ante o medio ambiente, a través da organización de distintas actividades reivindicativas de carácter educativo e de lecer. O relatorio ‘Lume, territorio e abandono. Os incendios’, a cargo do enxeñeiro técnico Óscar Antón, abrirá esta tarde, a partir das 19.30 horas, na aula 15 da EPS, a programación deseñada co gallo do Día da Terra 2015. Na súa intervención, Óscar Antón falará dos incendios desde unha perspectiva histórica e tamén como un problema territorial. O salón de actos da EPS acubillará o martes 14, a partir das 19.15 horas, a proxección do documental ‘Tesouro de Corcoesto’, que amosa unha visión sobre as actividades extractivas en Galicia a partir do caso da mina de ouro de Corcoesto, seguida dun posterior coloquio coa directora deste audiovisual, Cora Peña. Un concerto de ‘O Leo ¡Arremecághona’ pechará o mércores, a partir das 23.00 horas, na explanada que hai debaixo da cafetería da Escola Politécnica, as actividades conmemorativas do Día da Terra. Antes do comezo desta foliada, o mesmo escenario acubillará, a partir das 18.00 horas, sesións de xogos populares, tales como carreiras de sacos, lanzamentos de sacho e de boina, debullo de millo. Ademais, tamén se despachará bebida e comida a prezos populares.