Pasar al contenido principal

A xornada gratuíta ‘Iniciativa emprendedora’ ensina os conceptos imprescindibles para crear unha empresa

Alumnado de máster, de últimos cursos de grao, de posgrao, doutoramento e titulados e tituladas dos últimos anos en paro son os destinatarios da acción formativa de carácter gratuíto ‘ Iniciativa emprendedora’, unha actividade teórico-práctica de 31 horas de duración na que se transmiten conceptos imprescindibles para a creación dunha empresa e se reforza con 40 horas máis de titorización a distribuír entre todos os grupos de traballo. Para o seu desenvolvemento, a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e Uninova colaboran coa Escola de Organización Industrial (EOI), pertencente ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo cunha ampla experiencia na posta en marcha de empresas logo de ter participado na xestación de varios miles de proxectos tanto dentro como fóra de España. Os temas que se abordarán na fase lectiva achegarán ás persoas que se inscriban coñecementos sobre o ecosistema emprendedora; os procesos de innovación no emprendemento; estratexia, finanzas, mercadotecnia, propiedade intelectual e comunicación. Ademais, crearanse grupos de traballo entre os participantes para crear un plan de negocio por cada equipo a partir dunha idea de empresa. Durante as cinco semanas de duración e coa axuda dun titor, os grupos elaborarán o citado plan. Para finalizar, realizarase unha presentación de cada proxecto ao resto de alumnado e a posibles inversores como exercicio práctico de comunicación. As sesións presenciais desenvolveranse na Aula de Formación do Edificio Emprendia en horario de tarde os días 20, 27 e 28 de abril e 4, 6, 11 e 20 de maio. As persoas interesadas poden acadar máis información no correo monica.suarez [at] usc.es (monica[dot]suarez[at]usc[dot]es).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.04.2015.