Volve a danza contemporánea universitaria a Santiago

Son xa trece as edicións do encontro de danza contemporánea máis lonxevo do ámbito estatal e que organiza o Espazo de Danza da USC. Nesta ocasión son cinco as compañías universitarias que os vindeiros días 20 e 21 mostrarán no Teatro Principal de Santiago as súas pezas. Para asistir ás funcións do 13º Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC, os dous días ás 21.00 horas, é necesario retirar de balde as entradas previamente no despacho de billetes do teatro, aberta desde as 18.00 horas. Á marxe das dúas compañías do Espazo de Danza nos campus de Compostela e Lugo que dirixe Juan Carlos Zahera, e dentro do apoio prestado dende a Vicerreitoría para incentivar a realización de creación cultural, destacan as axudas á creación aos Proxectos de Agrupación de Danza que deron este ano no xurdimento dunha nova, a Compañía Lembranzas, que tamén participará no certame xunto coa Aula de Danza NORMAL UDC e D-ou-tras da Universidade de Vigo. Un dos obxectivos importantes deste certame é, explica Zahera, “achegar a danza universitaria á nosa cidade saíndo ao encontro do espectador e favorecendo actividades comúns a este colectivo artístico”, ademais de servir como un espazo de residencia e traballo para os artistas participantes. Programa A sesión do luns 20 comezará coa actuación da compañía danzaUSClugo, que presenta a peza Clic. Seguiralle a compañía da UVigo con Contas e rematará danzaUSCompostela con Mentres tanto, un segundo. O martes 21 será a quenda da compañía independente da USC Lembranzas, que porá en escena Cruce de camiños, para dar o relevo á peza Paisaxes en construción da UDC. Rematará o certame de novo coa actuación da Compañía danzaUSCompostela.