Pasar al contenido principal

Presentan en Bruxelas un índice para medir o nivel de envellecemento activo das persoas e países

O catedrático Jesús Varela Mallou presenta os resultados do estudo este venres en Bruxelas
O catedrático Jesús Varela Mallou presenta os resultados do estudo este venres en Bruxelas
Segundo esta ferramenta Galicia estaría no posto 18 do ránking dos 28 países avaliados

Convidados por Nacións Unidas, o grupo de investigación de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da USC que dirixe o catedrático Jesús Varela Mallou e a Subdirección Xeral de Planificación e Innovación da Secretaría Xeral de Política Social presentan o próximo día 17 en Bruxelas os resultados dunha investigación na que se construíu unha nova ferramenta para medir a saúde física, o benestar e o estado de satisfacción persoal das persoas maiores, o que se entende como envellecemento activo. O estudo presentarase no seminario internacional organizado pola United Nations Economic Commission for Europe e a European Commission's Directorate General for Employment, Social Affairs and Inclusion. A metodoloxía tivo en conta as recomendacións do índice Active Ageing Index (AAI) desenvolvido por Nacións Unidas e presentado en 2013 para establecer un ránking de países. Sen embargo, ese índice non permite a análise desagregada de unidades ou territorios máis pequenos como poden ser as Comunidades Autónomas ou provincias. O traballo da USC supera ese problema permitindo a análise dunha única persoa e por tanto calquera subpoboación definida sobre a que se implementase un programa social ou de promoción da saúde. Todo iso sen perder a comparabilidade co ránking europeo de países, que os investigadores toman como punto de partida. Este exemplo de colaboración institucional entre a USC e a Xunta fai que na actualidade Galicia sexa o único territorio en Europa que conta con dous tipos de medidas do nivel de envellecemento activo, poboacional e persoal. “Mellórase así cualitativamente –apunta Varela Mallou– o coñecemento da problemática e as necesidades reais dos nosos maiores, permitindo adecuar as iniciativas sociosanitarias en función das áreas que requiren maior estímulo e adaptar os programas ás casuísticas concretas”. Galicia, no posto 18 Os resultados obtidos sitúan Galicia no posto 18 do ránking dos 28 países avaliados en Europa. Os dez primeiros son Suecia, Dinamarca, Irlanda, Reino Unido, Holanda, Finlandia, Chipre, Luxemburgo, Alemaña e Austria; mentres que os dez últimos son Lituania, Malta, Romanía, Eslovenia, Letonia, Bulgaria, Grecia, Hungría, Eslovaquia e Polonia. España sitúase no posto 17. O estudo indica ademais que en Galicia deben ser impulsados ámbitos como a ocupación parcial ou emprego e a participación social ou comunitaria dos maiores. “Pola contra, os nosos maiores presentan unha vida moi independente, saudable e segura ata o punto de situarnos por riba de países como o Reino Unido, Irlanda ou Francia”, sinala o profesor Varela. Ademais, para seguir mellorando en Galicia é preciso fomentar a vixilancia da saúde física e dental, promover o uso das TIC e incrementar a formación continua, así como atender o apoio sociofamiliar e a esfera emocional. Apunta tamén o catedrático da USC a necesidade de incrementar o esforzo nas mulleres co obxecto de fomentar a igualdade de oportunidades. O grupo de investigación da USC, no marco da tese doutoral que está desenvolvendo Sara Marsillas, continúa traballando na optimización e mellora da medida persoal do nivel de envellecemento activo dunha forma rápida e individualizada así como do establecemento dun sistema de información xeográfica capaz de monitorizar o territorio galego en función das diferentes actuacións que poña en marcha a Secretaría Xeral de Política Social. O índice europeo Co AAI obtense unha puntuación que cuantifica o nivel de envellecemento activo dos países da Unión Europea identificando ao mesmo tempo as áreas de mellora de cada nación. Desde unha perspectiva poboacional, posibilita a comparación internacional do grado de envellecemento dos países, situándoos nun ránking en función da porcentaxe de persoas maiores de 55 anos que cumpren unha serie de criterios referidos a catro dominios principais: emprego; participación social; vida independente saudable e segura; e capacidade para seguir envellecendo de maneira activa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.04.2015.