Pasar al contenido principal

O grupo folk ‘Os d’A baixo’ presenta este mércores o seu primeiro traballo, ‘Ao vivo en Lorient’, na Casa do Saber

Portada de 'Ao vivo en Lorient', do grupo 'Os d'Abaixo'
Portada de 'Ao vivo en Lorient', do grupo 'Os d'Abaixo'
O concerto, incluído na programación do ciclo Lubicán 2015, comeza ás 20.30 horas e é de entrada libre e de balde ata completar aforo

A formación compostelá ‘Os d’abaixo’ presentará este mércores 29 de abril o seu primeiro traballo musical ‘Ao vivo en Lorient’ na Casa do Saber de Lugo, no marco do ciclo Lubicán 2015, un ciclo organizado ao abeiro do convenio Lugocultual, que conta con financiamento da USC, Concello e Deputación de Lugo, e a través do que se pretende achegar ao público lugués a música de de grupos galegos con diferentes estilos, ademais de promover a xénese de novas formacións.

‘Os d’abaixo’ recollen no seu primeiro álbum algúns dos temas interpretados durante a súa participación do Festival Intercéltico de La Bretaña en 2013. Entre os 16 temas incluídos en ‘Ao vivo en Lorient’, que por vez primeira se presenta en Lugo, figuran versións de cancións moi coñecidas, como o son ‘Muiñeira’, de Anxo Quiroga, ou unha versión tamén amuiñeirada de ‘As campanas de Bastabales’, de Amancio Prada. ‘Ao vivo en Lorient’ é un traballo no que ‘Os d’abaixo’ achegan ao público cancións e composicións de marcado carácter popular, a través das que animan a bailar ao público, que é un dos obxectivos deste grupo desde a súa conformación como formación musical hai xa cinco anos. 'Os d’Abaixo' apareceron no ano 2010 para acompañar as sesións de baile galego e festas tradicionais que se celebraban na contorna de Santiago de Compostela. No seu repertorio atópanse tanto pezas populares da tradición musical galega como composicións propias. Na súa andaina profesional teñen tocado en diversos festivais, entre os que destacan o Festival de Músicas do Mundo (maio de 2012), Etxarri-Aranatz, Le Gand Bal de l’Europe, o Festival Intercéltico de Bretaña ou, o pasado 2014, no Calan Mai, considerada como a festa da primavera celta. O concerto de ‘Os d’abaixo’, o cuarto dos programados no marco do ciclo Lubicán 2015, comezará ás 20.30 horas e é de entrada libre e de balde para todas as persoas interesadas, ata completar o aforo do auditorio da Casa do Saber de Lugo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2015.