Pasar al contenido principal

A incorporación de técnicas holográficas sitúan a Politécnica na vangarda do uso de tecnoloxías de visualización tridimensional

Iniesto, Trigo e Cordero, xunto coa pirámide holográfica da Porta Folsa da muralla romana de Lugo
Iniesto, Trigo e Cordero, xunto coa pirámide holográfica da Porta Folsa da muralla romana de Lugo
A enxeñeira luguesa en Xeomática e Topografía Concepción Trigo Folgueira proxecta sobre un ‘display’ piramidal un modelo 3D da Porta Falsa da muralla romana de Lugo

A incorporación de técnicas holográficas nas investigacións e estudos sobre bens e elementos patrimoniais sitúan a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC á vangarda do aproveitamento de tecnoloxías de visualización tridimensional. Unha das últimas achegas neste eido vén dada polo traballo de investigación desenvolvido pola enxeñeira en Xeomática e Topografía Concepción Trigo Folgueira, quen logo de abordar unha análise comparativa das técnicas de fotogrametría de obxecto próximo e escáner láser terrestre para o levantamento e modelado 3D de elementos patrimoniais centrado na Porta Falsa da muralla romana de Lugo, presentou as conclusións do seu proxecto nunha pirámide holográfica, xerando un modelo 3D proxectado virtualmente sobre un display piramidal.

Na investigación realizada por Trigo Folgueira baixo a dirección da profesora da EPS María José Iniesto Alba e Miguel Cordero Souto, do Sistema de Información Territorial (SIT) da USC, esta enxeñeira en Xeomática e Topografía, analiza, desde unha perspectiva coste-beneficio, e estuda as vantaxes e inconvenientes das técnicas de fotogrametría e escáner láser terrestre desde a captura de datos ata a súa difusión. Na procura de datos, Trigo Folgueira emprega distintos métodos e resolucións, pasando polo procesado de nubes de puntos e fotografías, ata os produtos resultantes: planos 2D e 3D, seccións, ortofotografías, modelos tridimensionais e incluso vídeos, que non só serven para documentar o patrimonio cultural tanxible con gran precisión, senón tamén para a súa difusión. Precisamente, na difusión do patrimonio é o eido no que o soporte elixido pola enxeñeira en Xeomática e Topografía Concepción Trigo proporciona un medio de divulgación máis innovador. A pirámide holográfica é un dispositivo que utiliza os principios da holografía para a reprodución de obxectos ou animacións tridimensionais ou pseudo-tridimensionais. A holografía é pois unha técnica especial de fotografía que permite crear imaxes 3D baseadas no emprego da luz, que proxectada desde unha perspectiva axeitada, dan a sensación dun holograma, unha imaxe virtual en tres dimensións que está como flotando no aire. O display piramidal empregado para mostrar o modelo 3D da Porta Falsa, consta de catro proxectores que permiten ver a proxección dun vídeo especialmente deseñando e que un sistema de prismas reúne para formar unha única imaxe 3D visible desde calquera punto. A vantaxe desta nova tecnoloxía de visualización tridimensional radica en que non necesita aparellos externos de visión, como lentes, para ver as imaxes en 3D e en que, o holograma, achega máis información sobre a forma dun obxecto que un simple plano, perspectiva ou fotografía, xa que, variando a posición do observador permite obter diferentes perspectivas do obxecto. Ademais, permite conectar distintos dispositivos para actuar co obxecto, para desprazar, virar, ampliar,... e mesmo incorporar son, o que resulta moi chamativo, se queremos chegar ao público en xeral e non só a técnicos ou especialistas en conservación do patrimonio. Na actualidade as pirámides holográficas e outros dispositivos similares están a ser moi empregados en publicidade e en exposicións e congresos, onde captan de maneira rápida o interese dos visitantes, pero constituirán seguro un medio revolucionario para a presentación de proxectos en ámbito da enxeñaría e a arquitectura.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.03.2015.