Pasar al contenido principal

Un coloquio da USC sobre a muller no século XXI eleva o ‘teito de cristal’ da poboación feminina ao nivel dos seus obxectivos

Bouza, González, Silva e Iglesias, na Casa do Saber
Bouza, González, Silva e Iglesias, na Casa do Saber
Bibí Bouza, Antonia Iglesias e Teresa González relataron experiencias profesionais femininas nos eidos do deporte, a empresa e o ensino nun foro guiado por Carme Silva

O chamado teito de cristal para as mulleres é relativo e dependen en grande medida das aspiracións persoais e do grao de implicación de cada persoa, segundo se puxo de manifesto no foro ‘ As mulleres no século XXI’, un coloquio organizado pola Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo xunto coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC para conmemorar o Día da Muller. A sesión, guiada pola vicerreitora Carme Silva, e contou como relatoras a Bibí Bouza, presidenta do CV Emevé Lugo; Antonia Mª Iglesias Martínez, secretaria da asociación de empresarios do centro histórico de Lugo Lugo Monumental, e Teresa González Piñeiroá, profesora no IES Dionisio Gamallo Fierros e concelleira do Concello de Ribadeo.

A situación da muller no deporte, no ensino e tamén no mundo empresarial desde a perspectiva dunha emprendedora autónoma centraron as intervencións das tres relatoras, que, nas súas respectivas exposicións fixeron unha reivindicación en positivo da igualdade como elemento imprescindible para acadar a liberdade e, en consecuencia, a felicidade. A presenza e a participación da muller no deporte foi o eixe temático do relatorio da presidenta do Club Voleibol Emevé Lugo, Bibí Bouza, que logo de repasar a traxectoria experimentada desde 1983 polo club do que é fundadora, sinalou a ausencia de agresividade e contacto físico como chaves para o arraigo feminino dunha disciplina deportiva “moi ben asimilada pola poboación feminina e con moito arraigo en Lugo”. Os vestixios da educación machista que viviron na súa infancia a relatoras, tanto no seu ámbito familiar como na escola, foi un dos temas apuntados pola profesora de ensino medio no IES Dioniso Gamallo Fierros de Ribadeo Teresa González Piñeiroá, quen logo de explicar o proceso vital experimentado ata converterse en “muller activista e feminista”, tamén deu conta das simbólicas accións educativas que promove co alumnado a prol de avanzar no terreo da igualdade de xénero, a pesar de que “a igualdade non vende”, dixo. A incorporación da muller ao eido laboral como empresaria en épocas na que a súa presenza se limitaba a un rol secundario sometido á figura masculina e a evolución dos cometidos laborais e profesionais agora desenvolvidos por mulleres no sector comercial foron algunhas das cuestións apuntadas pola empresaria luguesa e secretaria da asociación Lugo Monumental Antonia Iglesias, para quen o teito dunha muller está alí onde ela o fixe.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.03.2015.