Actuacións na rúa e ensaios abertos na Casa do Saber co gallo da celebración este venres do Día Internacional do Teatro

A compañía de teatro USC-Lugo conmemorará este venres 27 a celebración do día Internacional do teatro cunha ampla programación de actividades que inclúen intervencións artísticas e monólogos en distintos espazos urbanos do centro histórico lugués, ademais de ensaios abertos na Casa do Saber. O auditorio anexo á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo acubillará todas as actividades da xornada no caso de que as condicións meteorolóxicas impidan o desenvolvemento das intervencións que están previstas celebrar ao aire libre.
A programación deseñada pola compañía de teatro USC-Lugo co gallo do Día Internacional do Teatro comezará ás 9.30 horas no auditorio da Casa do Saber cunha sesión aberta guiada por Paloma Lugilde e na que participarán integrantes do grupo de teatro Down Lugo. Ao remate desta clase, que se prolongará durante unha hora, actores e actrices da Aula de Teatro USC-Lugo e alumnado do Espazo Artístico 10 serán protagonistas dunha sesión de monólogos na Praza da Soidade. Os mesmos protagonistas desenvolverán, a partir das 12.30 horas, nos soportais da Praza Maior, a performance ‘ Quen ocupa esta cadeira?’. A actividade teatral continuará en quenda de tarde, a partir das 15.00 horas, na Casa do Saber de Lugo, cun ensaio aberto da compañía USC-Lugo, dirixida por Paloma Lugilde, e cuxos integrantes traballarán durante dúas horas arredor da obra ‘O rei Lear’, de Schakespeare. Ao remate desta sesión, Lugilde guiará no mesmo escenario outra clase aberta co grupo de teatro Down Lugo. A posta en escena na Praza de Santa María da performance ‘Antígona’, a cargo do grupo Os Palimoquiños, e un novo pase de ‘Quen ocupa esta cadeira?’ no fondo da Praza Maior, darán continuidade á actividade teatral en Lugo nunha xornada conmemorativa que rematará cunha intervención na rúa da compañía de teatro da residencia universitaria Jesús Bal y Gay ‘Tik Teatro’, dirixida por Laura G. Recio e que presentará, a partir das 21.00 horas, a obra ‘Gran oferta promocional’.