Chega a primeira quenda de estudantes que participarán nos Campus Científicos de Verán
Sesenta estudantes de primeiro curso de Bacharelato de toda España chegan este luns 29 á USC para participar na sexta edición dos Campus Científicos de Verán, unha proposta que organiza o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) co patrocinio de Obra Social la Caixa e a colaboración de 16 universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional certificados en 2011 nas que se terán lugar as estadías. A inauguración da edición 2015 na USC celebrarase o luns 29 ás 10.00 horas no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca presidida polo vicerreitor de Comunicación e Coordinación, Xosé Pereira, xunto a quen tamén asistirá o coordinador deste ciclo, Luís Hervella. O obxectivo dos Campus Científico é incentivar o acceso dos estudantes a titulacións científico-técnicas e apoiar a permanencia no primeiro ano dos estudos de Grao para consolidar as vocacións nestes ámbitos. A experiencia permitiralle ao estudantado concibir o coñecemento científico como un saber integrado que se estrutura en distintas áreas, así como a súa aplicabilidade na resolución de problemas en diversos campos da investigación e da innovación. A iniciativa posibilitará tamén transmitir aos estudantes a experiencia científica directa, os valores, fundamentos e procesos metodolóxicos da ciencia, conectar a vida non universitaria e a universitaria e potenciar a convivencia entre estudantes de diferentes comunidades autónomas. O alumnado participantes incorporaranse nos proxectos “A sustentabilidade do ciclo da auga: Un dos 21 retos do século XXI”, “Buscando as partículas más enerxéticas do Universo”, “A maxia dos hidroxeles” e “MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation” que dirixen, respectivamente Gumersindo Feijoo Costa, Ricardo Vázquez López e Pablo Vázquez Regueiro, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar.
A actividade estenderase entre o 29 de xuño e o 25 de xullo. Na primeira quincena participan un total de 60 estudantes de 1º de Bacharelato distribuídos en dúas quendas dunha semana. A estas sumaranse na 2ª quincena outros 60 estudantes de 4º de ESO divididos tamén en dúas quendas dunha semana.