A conservación e xestión dos espazos naturais de montaña centra a temática dun curso de verán da USC en Cervantes

Formar sobre xestión e conservación da biodiversidade na montaña galega en xeral e, nomeadamente na serra de Ancares, a profesionais e estudantes de titulacións ambientais é un dos obxectivos que pretende a USC a través do curso de verán ‘ Conservación e xestión da biodiversidade en espazos naturais de montaña’, un programa de formación e divulgación incluído na Universidade de Verán 2015 da USC que se desenvolverá do 21 ao 24 de xullo en Piornedo de Ancares, no concello de Cervantes. O prazo de inscrición neste curso estival da USC permanecerá aberto ata o 10 de xullo.
Os promotores deste curso de verán, dirixido polo profesor do Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da USC na Escola Politécnica Superior, Augusto de Castro Lorenzo, pretenden, ademais de formar, achegar á poboación local información sobre os valores naturais da montaña e sobre as posibilidades destes valores para o desenvolvemento socioeconómico da comarca. Un relatorio sobre os retos da bioloxía da conservación nos albores do século XXI, a cargo do profesor de investigación do CSIC Miguel Delibes de Castro abrirá o 21 de xullo a quenda de relatorios deste curso, durante o que se abordarán ao longo de catro xornadas cuestións referidas á custodia do territorio como ferramenta para a conservación de áreas de montaña, as problemáticas de conservación nas áreas protexidas de Galicia, flora e hábitas ameazadas, poboacións nidificantes ou, entre outros, algunhas experiencias de reintrodución de especies.