Pasar al contenido principal

Máis de 800 profesionais daranse cita na Facultade de Medicina no II Congreso Iberoamericano de Epidemioloxía e Saúde Pública

O profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano preside o comité científico do II Congreso Iberoamericano de Epidemioloxía e Saúde Pública que en setembro se desenvolverá na Facultade de Medicina coa participación de máis de 800 profesionais. A cita será, para Ruano, “unha boa oportunidade para dar visibilidade á Saúde Pública e a epidemioloxía que se realizan en Galicia, que teñen recoñecemento internacional tanto no ámbito académico como no de administración sanitaria”. A conferencia inaugural correrá a cargo de Rafael Bengoa, asesor do Goberno Obama e ex conselleiro de Sanidade do País Vasco. O encontro científico ten como lema ‘A epidemioloxía e a saúde pública ante o reto da cronicidade’ e nel estudarase, entre outras cuestións, a maneira de afrontar o desafío que supón o avellentamento poboacional na sostibilidade dos sistemas sanitarios e o impacto que terán as novas tecnoloxías na xestión das enfermidades crónicas e no tratamento destes pacientes. O congreso contempla numerosas mesas e áreas de comunicacións –o prazo de presentación remata o vindeiro 13 de marzo– relacionadas coa avaliación de servizos sanitarios, programas de crónicos ademais dos campos tradicionais da saúde pública e epidemioloxía como epidemioloxía de cardiovasculares, cancro, vacinas, estilos de vida, enfermidades transmisibles, epidemioloxía social e outras áreas. Organizado pola USC e a Consellaría de Sanidade e apoiado polas Sociedades Españolas de Epidemioloxía e de Saúde Pública e Administración Sanitaria e a Asociación Portuguesa de Epidemioloxía, preside o comité organizador o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Xunta de Galicia, Xurxo Hervada.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.03.2015.