Pasar al contenido principal

Ciencias da Educación reivindica a profesión como conformadora de cidadanía

En primeiro termo e dende a esquerda, os docentes que recolleron o Sarmiento de Honra Joaquín Díaz de Bustamante, Herminia García Ruso e José Cajide Val (Foto: SERVIMAV)
En primeiro termo e dende a esquerda, os docentes que recolleron o Sarmiento de Honra Joaquín Díaz de Bustamante, Herminia García Ruso e José Cajide Val (Foto: SERVIMAV)
No acto de celebración do patrón, a decana leu un comunicado da Conferencia de Decanos e Directores contrario ao novo Decreto de estruturación de títulos

Ciencias da Educación celebrou este luns a festividade do seu patrón cun emotivo e intenso acto no que que a reivindicación ocupou un lugar destacado e tres docentes do centro recibiron os Sarmientos de Honra en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria académica. Achegáronse así ao Salón Nobre de Fonseca para recoller a distinción José Cajide Val, do departamento de Métodos e técnicas de investigación en ciencias do comportamento e da educación, cuxa laudatio fixo Ana Mª Porto Castro; Herminia García Ruso, de Didáctica da expresión musical plástica e corporal, presentada por María del Carmen Franco Vázquez; e Joaquín Díaz de Bustamante, de Didáctica das ciencias experimentais, de quen María Pilar Jiménez Aleixandre destacou que mantén o rigor científico do seu pai, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, e é herdeiro de Sarmiento “polo seu compromiso coa educación e os numerosos campos de estudo que abrangue”. En defensa dos 240 créditos No acto, que presidiu o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López, a decana Carmen Fernández Morante aproveitou para dar lectura a un comunicado recente da Conferencia de Decanos e Directores de Educación ao respecto do Decreto que posibilita o novo modelo de estruturación de títulos reducindo a duración dos graos, o coñecido 3+2. Falla de rigorosidade do Ministerio, incertidume e ausencia de converxencia en todo o Estado, encarecemento dos títulos e desprofesionalización dos estudos son parte das críticas ao Decreto que mencionou a decana. Para os asinantes do comunicado, o cambio dos títulos de Ciencias da Educación de diplomatura a grao supuxo a introdución de sensibles melloras na formación dos futuros profesionais e por iso consideran “incuestionable” manter a formación e habilitación profesional “en polo menos 240 créditos”. Volver a títulos de educación que habilitan para o exercicio de actividades profesionais reguladas que se desenvolven en 180 créditos e tres cursos é cualificado polos decanos e directores como “un grave retroceso de consecuencias fatais”. Novo senso común No mesmo ton reivindicativo transcorreu a conferencia do catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade da Coruña Jurjo Torres Santomé, a quen a decana presentaba como “un activista político, un profesional crítico comprometido coa transformación da realidade e a mellora da educación”. Torres, que actualmente dirixe o departamento de Pedagoxía e didáctica e coordina o grupo de investigación en innovacións educativas, presentouse ante os asistentes co suxestivo relatorio ‘A Construción do Homo Economicus, Consumens e Debitor nas políticas curriculares promovidas pola LOMCE’. Nel reflexionou sobre o que a actual lei educativa significa de conformación dun novo senso común, un novo tipo de persoa e personalidade. “O que queremos –dixo– é educar cidadanía democrática, crítica e optimista, pero neste mundo de grandes transformacións interconectadas con todo o que acontece ao noso redor son as políticas de globalización economicistas as que están condicionando todas as políticas gobernamentais, e entre elas a educativa”. En opinión do profesor da UDC, “se non cortocircuitamos esas políticas estaremos creando ese Homo Economicus, Consumens e Debitor e dalgunha maneira estaremos favorecendo moitas inxustizas que xa hoxe observamos na sociedade”. Expedientes brillantes Na cerimonia fíxose ademais entrega dos diplomas dos Premios Extraordinarios de Grao e Máster do curso 2013/2014 a Enelina María Gerpe Pérez, Ana Vázquez Rodríguez, Paula Rivas López, Paula Martínez Blanco, Ana Balsa Bello, Manuel Miguéns Pérez, Rodrigo Alvarado Iglesias, José Pablo Franco López e Pablo Brocos Mosquera. Do mesmo xeito, recibiron os premios extraordinarios de Doutoramento da convocatoria 2011/2012 Beatriz Bravo Torija, Silvana Longueira Matos, María Helena Zapico Barbeito e María Teresa Fernández Blanco. De dereita a esquerda, Cristina Abeal, Jurgo Torres, Roberto López, Carmen Fernández e Martín Leranoz (Foto: SERVIMAV) A cerimonia desenvolveuse no Sanón Nobre de Fonseca (Foto: SERVIMAV)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2015.