Pasar al contenido principal

A Universidade do Paraná e a USC abordan posibles equivalencias dos títulos de grao en enxeñarías agronómicas e forestais

Javier Bueno e membros do equipo de dirección da EPS coa delegación da Universidade do Paraná
Javier Bueno e membros do equipo de dirección da EPS coa delegación da Universidade do Paraná
Unha delegación da universidade brasileira visita este luns a Escola Politécnica Superior de Lugo antes de asistir en Compostela á recepción ofrecida polo reitor Juan Viaño

Unha delegación académica da Universidade Federal do Paraná, a institución universitaria máis antiga de Brasil, visita este luns a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC para analizar a posibilidade de establecer equivalencias e homologacións dos títulos de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural entre as dúas institucións académicas. Pola tarde, o grupo mantivo un encontro co reitor Juan Viaño na Reitoría compostelá.

A equivalencia da carga horaria entre os distintos planos de estudo vixentes en cada unha das universidades, as posibilidades de homologación e recoñecemento de contidos, a articulación e duración de itinerarios de mobilidade de estudantes entre as dúas universidades, a realización de proxectos e a posibilidade de compatibilizar estes períodos de formación cun título de máster foron algunhas das cuestións abordadas nas sesións de traballo que mantiveron este luns na EPS os responsables académicos das dúas universidades. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta, a subdirectora de Calidade e Relacións Externas da EPS, Ana Isabel García Arias, así como os coordinadores de grao e máster da USC implicados neste proceso participaron nesta xornada de traballo cunha delegación da Universidade do Paraná encabezada polo seu reitor e da que tamén forman parte os directores xerais dos campus de Pato Branco, Dois Vizinhos, Francisco Beltrâo e Santa Helena. Esta visita da delegación da Universidade do Paraná á Escola Politécnica da USC é a segunda que recibe o centro universitario lugués e encádrase no marco do programa de internacionalización emprendido pola EPS, segundo indicou a subdirectora de Calidade e Relacións Externas do centro universitario lugués. Ana Isabel García Arias indicou que a homoxeneización de títulos de grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural e Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria entre a USC e a Universidade do Paraná permitiría ampliar os ámbitos de competencias profesionais dos enxeñeiros egresados da EPS, que estarían habilitados para poder traballar en Brasil, do mesmo xeito que os enxeñeiros brasileiros en Europa. Os reitores da USC e da Federal do Paraná no centro da imaxe. Foto: Santi Alvite

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.03.2015.