Pasar al contenido principal

O grupo de música tradicional Pandeiromus presenta este xoves na Casa do Saber o álbum ‘Teño días’ no marco do ciclo Lubicán

O grupo de música tradicional Pandeiromus, nunha actuación
O grupo de música tradicional Pandeiromus, nunha actuación
O concerto, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comeza ás 20.30 horas. A entrada é libre de balde ata completar o aforo

O grupo de música tradicional Pandeiromus, a primeira formación de pandeiretas masculina, presentará este xoves, día 12 de marzo, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o seu terceiro disco, ‘Teño días’, un álbum que forma parte da triloxía ‘Teño días, teño noites’ e que supón un paso adiante na traxectoria artística e creativa deste quinteto compostelán.

Atraídos pola tradición oral, os compoñentes de Pandeiromus (Rafa Iglesias, voz e percusións; Alfonso González, voz e percusións; Topo Vidal, voz, percusións, gaita e frauta; Roberto Grandal, acordeón, e Xesús Rodríguez, percusión e gaita) botaron a andar este proxecto artístico en 1992, cando comezaron a percorrer Galicia escoitando historias, retendo melodías, cantando cancións..., en definitiva, recollendo a tradición musical propia do país. Unha vez recompilado todo este material, este quinteto de música tradicional foi conformando un amplo repertorio que esmiúzan en cada un dos seus concertos, nos que dan conta do seu talento vocal e instrumental. De feito, nas actuacións de Pandeiromus, as súas voces mestúranse co son das gaitas, do tamboril, das pandeiretas, da caixa, do bombo. Tamén das culleres, de botellas e mesmo da lata de carburo. ‘Conserva’ (1998) e Tolerías (2002) encetaron a produción discográfica de Pandeiromus, que, ademais de completar xiras por Galicia, España e Portugal, tamén ten colaborado en discos de Leilía, Uxía Senlle ou no ‘Jacobsland’, un traballo editado co gallo do Xacobeo 1999. Logo desta xa ampla bagaxe, Pandeiromus ofrece no seu último traballo un repertorio totalmente novo e renovado. Na primeira entrega da triloxía ‘Teño días, teño noites’, Pandeiromus conta coa colaboración de dous poetas, autores de cadansúas letras logo musicadas por esta formación galega. Así, Xavier Picallo escribiu o texto da canción que lle dá nome ao disco, mentres que Séchu Sende asina ‘Unha muller e outra muller’, outro dos temas de apertura do seu renovado repertorio, que conta con arranxos de Pedro González, Valdin Yukinievich e Cristian Silva. O concerto que ofrecerá esta tarde Pandeiromus na Casa do Saber de Lugo é o segundo dos programados no marco do ciclo Lubicán 2015, un programa financiado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participa a USC xunto coa Deputación e o Concello de Lugo. A entrada para asistir ao concerto é libre e de balde a ata completar o aforo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.03.2015.