A rede galega de investigación MetalBIO impulsa tres equipos de traballo nos que participan 15 universidades españolas
A rede galega de investigación MetalBIO impulsa a creación de tres novas redes de traballo no ámbito da bioinorgánica, que involucran a 15 universidades españolas. O nacemento destes novos equipos de traballo constitúe un dos resultados do Workshop ESMetalBIO, un foro científico impulsado pola rede MetalBIO que vén de celebrarse en Cádiz, onde se deron cita máis de vinte e cinco grupos de investigación pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo, Universidad Autónoma de Madrid, Universidad de Cádiz, Universitat de Barcelona, Universitat Autònoma de Barcelona, Universidad del País Vasco Euskal Herriko Unibertsitatea, Universitat de les Illes Balears, Universitat de València, Universidad de Burgos, Universidad de Extremadura, Universidad de Murcia, Universidad de Granada e Universidad de Jaén.
Unha destas tres novas redes de traballo centrará a súa actividade no ámbito de complexos metálicos biomiméticos, utilización de osíxeno, hidróxeno e dióxido de carbono; outro desenvolverá a investigación no campo de compostos metálicos en terapia e diagnóstico, mentres que o terceiro traballará nos fundamentos e aplicacións das interaccións entre ións metálicos e bioligandos. Os tres grupos manterán a coordinación a través da rede galega MetalBIO, a cal ademais liderará a xestión directa dun deles. O Workshop ESMetalBIO desenvolveuse a continuación IX Reunión Científica de Bioinorgánica co obxectivo optimizar a presenza en Cádiz dos grupos de referencia deste campo de coñecemento. Os grupos participantes aproveitaron esta sesión de traballo para realizar unha presentación do estado da súa investigación para, de seguido, analizar en subgrupos interuniversitarios as posibles vías de colaboración para elaborar accións conxuntas tanto a nivel español como europeo. Os grupos de investigación da rede MetalBIO tiveron un papel protagonista na IX Reunión Científica de Bioinorgánica celebrada na capital gaditana do 14 ao 17 de xuño e na que foron protagonistas de dúas conferencias convidadas, tres comunicacións orais e 17 pósteres científicos. Ezequiel Vázquez, da UVigo, presentou neste foro o relatorio ‘ Carbonilcomplexos de renio(I) no deseño de radiofármacos’, mentres que Marcelino Maneiro, da USC, ofreceu outra conferencia co título ‘Estratexias biomiméticas para fotosíntese artificial’. As comunicacións presentadas por M. Luz Durán, Arantxa Pino e Ana Belén Lago, foron seleccionadas para presentación oral.