Pasar al contenido principal

A tecnoloxía SITUM de localización en interiores de grandes edificios gaña o premio de Base Tecnolóxica do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC

A tecnoloxía SITUM de localización en interiores de grandes edificios gaña o premio de Base Tecnolóxica do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC
A tecnoloxía SITUM de localización en interiores de grandes edificios gaña o premio de Base Tecnolóxica do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC
Tamén se entregaron os premios Empresa Xove, Muller Emprendedora e, por vez primeira o de Promoción da Lingua Galega

A spin-off do grupo de Robótica da USC Situm Technologies foi a proposta premiada na modalidade de Base Tecnolóxica da décimo quinta edición do Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, que este mércores deu a coñecer aos seus premiados e entregou os galardón correspondentes nun acto na reitoría compostelá. A proposta premiada desenvolveu e comercializa unha novidosa e innovadora tecnoloxía de localización de smartphones en interiores de grandes edificios onde a tecnoloxía GPS non funciona. A tecnoloxía SITUM permitirá que calquera empresa poida ofrecer aos seus clientes servizos baseados na localización no interior das súas propias instalacións. Integran o equipo promotor Víctor Álvarez Santos, Adrian Canedo Rodríguez e Cristina Gamallo Solórzano. O premio Muller Emprendedora recaeu en Adica, Networking Psicoeducativo e Psicoxerontolóxico, spin-off do grupo Aspectos evolutivos e intervención psicoeducativa da USC. O seu obxectivo é trasladar á sociedade mediante a prestación de servizos profesionais, os coñecementos adquiridos en canto a técnicas de detección e tratamento de problemas de aprendizaxe como poden ser a dislexia, disortografía ou déficit de atención. Ofrece tanto servizos dirixidos a alumnado, familiares ou centros de ensino como obradoiros e cursos enfocados principalmente a persoal docente e familias, así como servizos dirixidos á poboación adulta e terceira idade. A compañía tamén elabora unha plataforma software para a diagnose e intervención telemática. Promoven este proxecto Rosa Mª Rivas, Santiago López Gómez, Mónica González Blanco e María Picos Rubido. Qubiotech, Health Intelligence foi o seleccionado na modalidade Premio Empresa Xove, e xurde no seo do grupo de investigación asociado ao Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico Universitario de Santiago como unha empresa dedicada ao desenvolvemento de novas ferramentas tecno-informáticas de análise de imaxe e xestión da información asociada para mellorar a diagnose, o tratamento e o seguimento médico. O seu primeiro produto, denominado IQ-BRAIN, é un software de imaxe multimodal que permite unha análise cuantitativa e estatística da información obtida integrando os resultados de PET cerebral e os MRI (información anatómica do tecido tumoral). A innovación desta proposta reside en que é a única alternativa comercialmente dispoñible con fácil uso, baixo custe e alta fiabilidade que permite á persoal experto ver aspectos antes ocultos no proceso de diagnóstico. O equipo promotor desta proposta confórmano Pedro Arenas Barreiro, Pablo Aguiar Fernández e Jesús Silva Rodríguez. Completando os catro premios outorgados nesta convocatoria, na modalidade Promoción da Lingua Galega resultou gañador Nostracker, proxecto empresarial aínda non constituído que se dedicará ao desenvolvemento de ferramentas que monitorizan redes sociais, blogs e medios de comunicación para medir e avaliar o contido que publican usuarios/as sobre empresas. O seu obxectivo é analizar a reputación e o sentimento en liña rastreando diversos focos de información. Os comentarios atopados clasifícanse en positivos, negativos ou neutros e mídese o sentimento do público cara o elemento analizado. O galego será a lingua principal na comunicación corporativa e nas campañas de publicidade de Nostracker, unha iniciativa que promoven Iván Dobarro e Cruz Negreira. Concurso de proxectos O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC pecha coa entrega de premios o ciclo da súa décimo quinta edición. Os gañadores coñecéronse e recibiron os seus galardóns nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que tamén interviñeron a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella; a directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso Montero; a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; e o director do Servizo de Normalización Lingüística, Manuel Núñez Singala. O obxectivo desta convocatoria é impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantado, tituladas e titulados e persoal investigador, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. O xurado outorgou os premios atendendo á viabilidade dos proxectos, ao grao de innovación do produto/proceso/servizo ofertado, ao volume de emprego proxectado, ao carácter multidisplinario do equipo promotor, á presenza de políticas de igualdade e á relación ou interese do proxecto coa lingua galega. Outorgaranse catro premio: un de base tecnolóxica, dotado con 2.000 euros e ata 24.000 euros de financiamento mediante préstamos participativo; un na modalidade de 'Empresa xove' e outro na de Muller emprendedora, dotados con 2.000 euros cada un, e un cuarto na modalidade Promoción da lingua galega, que suporá unha achega económica de 1.000 euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.06.2015.