Pasar al contenido principal

O máster en Dirección de Proxectos da USC pecha a súa sétima edición coa entrega de premios aos mellores traballos finais

Alumnos e profesores do máster en Dirección de Proxectos
Alumnos e profesores do máster en Dirección de Proxectos
Amiama Ares subliña a crecente proxección internacional dun programa que rexistra oito solicitudes de matrícula doutros países para a próxima edición

O máster en Dirección de Proxectos é un posgrao oficial da USC de marcado perfil profesional que cada vez esperta un maior interese na comunidade internacional, segundo sinalou o coordinador deste programa impartido na Escola Politécnica Superior, Carlos Amiama Ares, no acto de clausura da sétima edición, celebrado este venres.

A tramitación de 8 solicitudes de matrícula, das que xa se formalizaron cinco, de candidatos/as estranxeiros para a próxima edición deste máster, e a terceira praza acadada no primeiro Campionato Internacional de Dirección de Proxectos que vén de celebrarse en Vilna (Lituania) e no que participaron equipos de cinco equipos europeos, son dous indicadores que reafirman a boa marcha deste posgrao da USC, ao tempo que fortalecen a súa proxección internacional, engadiu Amiama. O coordinador do máster en Dirección de Proxectos da USC tamén fixo público o seu agradecemento á Deputación Provincial de Lugo polo financiamento que recibe para este posgrao, cuxa continuidade resultaría moi complexa sen esta achega económica. A sesión de entrega de diplomas ás 22 persoas que completaron a formación deste posgrao ao longo do último curso desenvolveuse no marco dun acto académico presidido polo vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro. O director da EPS, Tomás Cuesta, e a deputada provincial delegada da área de Economía da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto, ademais dunha ampla representación do profesorado deste programa tamén participaron no acto. Entrega de premios A clausura da sétima edición do máster en Dirección de Proxectos da USC serviu tamén para proceder á entrega premios aos mellores traballos de fin de máster das dúas últimas edicións deste posgrao oficial. Elena Vázquez García recibiu o primeiro premio da promoción 2012-14 por un traballo de fin de máster titulado ‘Mellora do seguimento e control de obras de construción coa aplicación de técnicas de valor gañado. O segundo galardón foi para Yana Nagayyseva, polo traballo ‘Viaxes gastronómicas a Galicia’. O xurado encargado de fallar estes premios e conformado por Carlos Amiama, Emilio Díaz Varela, Martín Barrasa Rioja e Manuel Francisco Marey Pérez, acordou distinguir tamén cun accésit a Francisco José Barga Pais, polo traballo ‘Plan de xestión de proxecto: Proyect 3D’. O traballo de fin de máster ‘Organización e xestión de proxectos de investigación en hidrodinámica de rías’, desenvolvido por Miguel Álvarez Díaz mereceu o primeiro premio da convocatoria 2013-14, na que Vanesa Rivas González foi agasallada co segundo galardón polo traballo ‘Plan de dirección do proxecto: Restauración da caleira de Outeiro e acondicionamento da súa contorna na parroquia de Masma (Mondoñedo)’. O traballo ‘Detección de tendencias temáticas na investigación sobre dirección e xestión de proxectos’, presentado por Hadriana Rodríguez recibiu un accésit. Tomás Cuesta, Pilar García Porto, Andrés Barreiro e Carlos Amiama, na clausura do máster

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.06.2015.