Pasar al contenido principal

Rafael Navarro e o namoramento, nunha mostra inédita en Fonseca

Fotografía de Rafael Navarro
Fotografía de Rafael Navarro
O prestixioso fotógrafo contemporáneo inaugura ‘Elipsis’ o mércores 17

A través de corenta imaxes o fotógrafo zaragozano Rafael Navarro convidará ao espectador a facer un percorrido polas relacións de parella na mostra inédita ‘Elipsis’ que se inaugura o vindeiro mércores 17 ás 20.00 horas no Colexio de Fonseca a iniciativa de CampUSCulturae. As imaxes, divididas en oito coleccións de cinco elementos, supoñen a representación formal da viaxe que percorremos cando experimentamos un namoramento e na que o autor se apoia nos elementos plásticos presentes de sempre na súa obra: a paisaxe, o vexetal, o mineral e, sobre todo, o corpo humano. Nesta ocasión as fotografías contan coa complicidade dos poemas de Anxo Guinda, que xa colaborou anteriormente con Navarro noutra serie. ‘Elipsis’ fai referencia á figura retórica consistente na eliminación dalgunha parte da oración sen que por iso esta perda significado. Só cinco imaxes para expresar o sentimento de cada un dos momentos da universalidade das relacións amorosas: o soño, a esperanza, o encontro, a calma, o quebranto, a fuxida, o abandono e a amargura. A universalización que ofrecen as imaxes, explica a comisaria da mostra Angélica Soleiman, remite a outro aspecto da obra do autor como é o minimalismo, a capacidade de reducir ao esencial, ao necesario e o específico. ‘Elipsis’ acompáñase dun vídeo que mostra unha selección de obras do autor desde 1975 ata 2012, para poder obter unha visión de conxunto da obra deste consagrado autor contemporáneo. O autor Rafael Navarro(Zaragoza, 1940) iniciou a súa carreira artística a principios da década dos setenta. A súa obra é un reflexo do seu mundo interior, onde mostrar o evidente case nunca foi un obxectivo; renuncia con frecuencia ao control do movemento, da técnica ou á rigorosa exactitude mecánica que permite a fotografía. Outra das constantes na súa dilatada obra é a importancia que nela exerce a súa fascinación pola natureza, o corpo humano libre dos artificios da roupaxe ou como os ciclos e os tempos se abren camiño e deixan o rastro nunha pedra ou nunha masa vexetal. A súa obra expúxose en museos estatais e internacionais en máis de 700 ocasións e forma parte de fondos de institucións de todo o mundo. Como recoñecemento á súa achega á arte contemporánea, a Real Academia de Nobres e Belas Artes de San Luis incorporouno como Académico de Número e en 2013 o Goberno de Aragón concedeulle, por vez primeira a un fotógrafo, o Premio Aragón Goya.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.06.2015.