Pasar al contenido principal

O CulturaLab da USC estará presente no V Encontro da Rede de Estudios Sociais da Ciencia e a Tecnoloxía

Cartaz do V Encontro da Rede de Estudos Sociais da Ciencia e a Tecnoloxía
Cartaz do V Encontro da Rede de Estudos Sociais da Ciencia e a Tecnoloxía
O coordinador do laboratorio experimental do máster en Servizos Culturais, Fran Quiroga, mostrará a comezos de xullo en Madrid o traballo feito na primeira edición

O CulturaLab do máster de Servizos Culturais da USC estará presente na quinta edición do Encontro da Rede de Estudos Sociais da Ciencia e a Tecnoloxía, un foro que se desenvolverá do 1 ao 3 de xullo no MediaLab Prado, en Madrid.

A nova edición do encontro da Rede de Estudos Sociais da Ciencia e a Tecnoloxía está orientada a analizar os desbordes dos límites da academia e constitúe unha boa oportunidade para mostrar a aposta do máster de Servizos Culturais da USC por ser quen de impulsar mecanismos que abordan esas aperturas da institución, segundo indica o coordinador do CulturaLab da USC, Fran Quiroga. O CulturaLab do máster de Servizos Culturais da USC pretende abrir un novo camiño na experimentación de novos formatos de aprendizaxe, ademais de achegar diferentes procesos de construción de coñecementos alleos aos que se producen na propia Universidade, co que propicia un enriquecemento dos puntos de vistas sobre a cultura e o cometido que ten que xogar a mesma neste mundo cambiante no que nos situamos. Neste V Encontro da Rede de Estudos Sociais da Ciencia e a Tecnoloxía, Fran Quiroga presentará un relato sobre o fracaso e as oportunidades que xerou e xera o laboratorio experimental do máster de Servizos Culturais. O obxectivo desta presentación é mostrar o traballo impulsado nesta primeira edición, así como algunha das dificultades de emprender novas metodoloxías de aprendizaxe. A Rede de Estudos Sociais de Ciencia e Tecnoloxía é un espazo interdisciplinar cuxo obxectivo é poñer en contacto e propiciar a comunicación de todas as persoas e profesionais que traballan na área dos estudos sociais da ciencia e a tecnoloxía. Na próxima edición do encontro aberto propiciado por esta rede, a USC non só estará presente coas novas liñas de innovación educativa que está a impulsar o CulturaLab, senón que a institución académica compostelá aproveitará este espazo aberto para amosar diferentes formas de aprendizaxes, obxectos epistémicos e outros desbordes da academia que se están a desenvolver noutros territorios do estado.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.06.2015.