Pasar al contenido principal

O faladoiro da Cátedra Juana de Vega da USC pon en valor a posición de Galicia como periferia nun mundo globalizado

O faladoiro da Cátedra Juana de Vega da USC pon en valor a posición de Galicia como periferia nun mundo globalizado
O faladoiro da Cátedra Juana de Vega da USC pon en valor a posición de Galicia como periferia nun mundo globalizado
O reitor presidiu a presentación das conclusións deste faladoiro, recollidas no volume dixital ‘Galicia no contexto global, un país periférico?’

O debate sobre Galicia no contexto global e a súa condición de periferia foi o eixo centro do primeiro dos ‘faladoiros’ organizado pola Cátedra Juana de Vega da USC, un encontro no que se deron cita vinte persoas de diversos ámbitos da sociedade galega que durante un día analizaron en perspectiva ampla como perciben e como pensan que se percibe dende o exterior a realidade galega e a súa posición xeoestratéxica con respecto aos demais no mundo da globalización. As principais conclusións deste ‘faladoiro’ quedaron recollidas no volume dixital ‘Galicia no contexto global, un país periférico?’ que se presentou no Centro de Estudos Avanzados da USC este xoves nun acto presidido polo reitor Juan Viaño, e no que interviñeron ademais o editor do volume, o profesor Ramón Villares Paz; o director da Cátedra, Lourenzo Fernández Prieto; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte; e o director do CEA, Fernando Cabo Aseguinolaza. Como se explicou na presentación, á vista dos debates celebrados, os/as participantes no ‘ faladoiro’ reclamaron unha visión oceánica ou “atlántica” de Galicia para cambiar a situación de periferia dende o punto de vista xeográfico e cultural. A situación de Galicia na eurorrexión atlántica, consideran, “é unha oportunidade para servir de ponte entre Europa e América, non só dende o punto de vista económico e comercial senón tamén como ponte cultural e mesmo lingüística”. Entre outros puntos fortes da comunidade galega, os relatores resaltaron a formación do capital humano –de gran capacidade adaptativa-, a concentración da poboación na franxa atlántica que se prolonga cara o sur na costa atlántica con Portugal e a heterodoxia cultural que “permite unha gran capacidade de integración a recén chegados, necesarios para o reequilibrio estrutural da demografía galega”. Neste senso, o ‘faladoiro’ tamén fixou a atención no avellentamento e a perda de poboación nos vindeiros anos, temas aos que sumou no relatorio de debilidades a ausencia de capacidade de liderado político no marco estatal e europeo, a invertebración das elites galegas, a dispersión do territorio ou a tradición cultural parroquial ou campesiña “que debilita a construción dunha sociedade civilista dinámica e proactiva”. En conxunto, unha das principais conclusións apunta que Galicia, nos últimos trinta ou corenta anos, é un exemplo de transformación do seu tecido produtivo e de capacidade de superar as súas fronteiras. Ademais, a súa situación á beira dunha autoestrada do mar, o emprego de novas tecnoloxías para a loxística de distribución e a necesidade de procurar mercados exteriores perante a debilidade do mercado interno obriga a romper coas limitacións da periferia, que os participantes do encontro consideraron máis mentais que reais. Os debates a partir dos que se vertebrou o desenvolvemento do ‘faladoiro’ buscaban analizar a imaxe externa e interna de Galicia no mundo, valorar os retos e limitacións da posición xeográfica que ocupa e inserila nun contorno europeo de crise económica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.06.2015.