Presentan nun libro os beneficios da balneoterapia como tratamento complementario en procesos tumorais

O Salón Reitoral do Colexio de San Xerome acolleu este xoves a presentación do libro La balneoterapia: del empirismo a la evidencia científica. La balneoterapia como tratamiento coadyuvante en los procesos tumorales, editado pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e que recolle as intervencións dunhas xornadas de investigación que baixo o mesmo título se celebraron con grande éxito no curso 2010-2011 baixo a dirección do profesor Manuel Freire Garabal. Nesas xornadas diversos especialistas analizaron con detalle a evidencia actual sobre as vantaxes da balneoterapia na prevención e tratamento de procesos tumorais así como na recuperación de doentes afectados por procesos oncolóxicos, terapias que como sinala no prólogo o xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS, Rafael López López, “non teñen contraindicacións en pacientes con cancro en tratamento activo nin en quen o superou, excepto nos períodos de inmunodepresión nos que se poden favorecer as infeccións”. Na súa opinión, tal e como manifestou no acto, a balneoterapia “ debería ter unha función complementaria no tratamento do cancro”. A publicación, a segunda da Cátedra, recompila un total de sete artigos de especialistas da Universidade de Santiago, do Servizo Galego de Saúde e dos Balnearios de Guitiriz e Termas de Cuntis nos que, entre outros temas, se trata a importancia psiconeuroinmunolóxica da balneoterapia, os efectos biolóxicos sobre o cancro en relación ás proteínas de choque térmico ou o efecto antioxidante da auga mineromedicinal sulfurada e a súa repercusión sobre o sistema inmunitario. Tal e como sinalou o reitor na presentación, os autores da publicación “foron capaces de actualizar as evidencias científicas que existen sobre a utilidade da balneoterapia como tratamento coadxuvante de moitas doenzas, incluíndo investigacións básicas realizadas por investigadores da USC que achegan datos obxectivos sobre os beneficios de compoñentes termais sobre o sistema inmunitario”. No acto, que presidiu o reitor Juan Viaño, interviñeron tamén o profesor da USC Manuel Freire Garabal; o decano da facultade de Medicina e director da Cátedra, Juan Gestal Otero, que avanzou que están a traballar xa nun vademecum das augas mineromedicinais de Galicia para os profesionais médicos; e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez. A Cátedra A Cátedra de Hidroloxía Médica-USC-Balnearios de Galicia creouse en 2009 da man da Universidade de Santiago e a Asociación Galega da Propiedade Balnearia co apoio da Axencia de Turismo de Galicia co fin de fomentar a docencia, investigación e difusión dos coñecementos no campo da Hidroloxía Médica.