Pasar al contenido principal

Unha investigación da USC desenvolve un método de xestión e conservación do mexillón de río, especie en perigo de extinción

Sabela Lois Lugilde, entre Mª Paz Ondina e Adolfo Outeiro, na Casa do Saber da USC
Sabela Lois Lugilde, entre Mª Paz Ondina e Adolfo Outeiro, na Casa do Saber da USC
A tese realizada pola luguesa Sabela Lois Lugilde baixo a dirección dos profesores da USC Paz Ondina e Adolfo Outeiro, constitúe un estudo pioneiro sobre a distribución e abundancia de M....

Unha investigación realizada na USC desenvolve un procedemento completo de mostraxe, modelización e predición do mexillón de auga doce en perigo de extinción Margaritifera margaritifera (L., 1758), a través do que é posible acadar información biolóxica e ecolóxica para xestionar a súa conservación.

Este estudo é o obxecto da tese de doutoramento ‘Sampling, Modelling and Prediction for Freshwater Species Across River Ecosystems: An example with the Freshwater Pearl Mussel Margaritifera margaritifera (L., 1758)’, realizada pola licenciada en Ciencias Ambientias luguesa Sabela Lois Lugilde, baixo a dirección dos profesores do Departamento de Zooloxía da USC no campus de Lugo Mª Paz Ondina Navarret e Adolfo Outeiro Rodríguez. A tese desta investigadora luguesa, desenvolvida en inglés e que aspira a mención europea, constitúe unha investigación pioneira sobre a distribución e abundancia de M. margaritifera tendo en conta as interaccións bióticas cos seus peixes hospedadores: o salmón atlántico (Salmo salar) e a troita común (Salmo trutta). Ademais, os resultados que achega a Lois Lugilde neste traballo responden a datos recollidos na rede fluvial galega. Os mexillóns de auga doce son moluscos bivalvos da Orde Unionoida, comunmente chamados náiades, son filtradores que, polo seu tamaño e biomasa, exercen un importante rol na reciclaxe natural dos nutrientes das augas nos ecosistemas fluviais. A súa conservación aporta beneficios tanto para a xestión da calidade da auga, como para o mantemento dos ecosistemas nos que habitan. Alén disto, a súa dependencia dun hospedador móbil, tanto para a supervivencia da fase larval como para a súa dispersión ao longo da rede fluvial, converte este mexillón de río nunha estrutura axeitada para o estudo das interaccións bióticas entre especies. O método de mostraxe desenvolvido por Sabela Lois Lugilde na súa tese de doutoramento baséase nunha combinación de métodos cualitativos e cuantitativos. Esta técnica resultou eficaz para cubrir grandes áreas, e permitiu coñecer a distribución actual da especie e estimar as densidades de poboación. Os resultados indican que Galicia conta co maior número de poboacións M. margaritifera na Península Ibérica. Os datos obtidos nesta fase da investigación foron logo obxecto da aplicación de métodos de modelización e predición da súa distribución e abundancia. Para as modelizacións seleccionáronse 16 preditores pertencentes a catro categorías: xeoloxía, clima, relevo e factores bióticos. O algoritmo de máxima entropía de aprendizaxe automático (MaxEnt), utilizado para o modelado da distribución, previu a probabilidade da presenza de M. margaritifera e axudou a discernir o efecto das interaccións bióticas. Doutra banda, cos datos de abundancia, a investigadora utilizou a técnica de “path analyse” e modelos xeoestatísticos mixtos para redes fluviais. Os resultados deses modelos mostraron a influencia dos encoros na dispoñibilidade dos peixes hospedadores migratorios e na abundancia de M. margaritifera. Os resultados dos modelos empregados indican que as interaccións bióticas son un compoñente de auto correlación espacial da abundancia que pode ser utilizada para a avaliación, planificación e xestión do hábitat, así coma para a administración dos programas de conservación da M. margaritifera. Esta metodoloxía axuda asemade a identificar estratexias para a conservación das interaccións bióticas entre o mexillón e os seus peixes hospedadores. A investigación compilada na tese de doutoramento que vén de presentar Sabela Lois Lugilde no auditorio da Casa do Saber de Lugo, mostra a necesidade de incluír as interaccións bióticas nos modelos como paso previo para entender a ecoloxía e abordar a conservación das especies que actúan entre si. Os procedementos descritos neste traballo aplicáronse ao mexillón de auga doce M. margaritifera en Galicia, non entanto, pódense aplicar a calquera especie fluvial, segundo indica a investigadora. Tribunal da tese e cualificación O catedrático de Zooloxía e reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Sabela Lois Lugilde e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude. O profesor do Departamento de Xenética da USC Eduardo Sanmiguel Salán desenvolveu as funcións de secretario dun tribunal avaliador internacional do que tamén formaron parte Carlos García de Leaniz, da Swansea University; Jürgen Geist, da Technische Universität München, e a profesora da Universidade de Vigo Celia Olabarría Uzquiano.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.05.2015.