Pasar al contenido principal

Chega a Lisboa a exposición sobre Valle-Inclán que a USC deseñou para o Consello da Cultura Galega

En outubro de 2016 conmemorarase o 150 aniversario do nacemento de Ramón del Valle-Inclán. Para ir xerando expectación de cara á programación de actividades que terá lugar o vindeiro ano, a Cátedra Valle-Inclán e o Grupo Valle-Inclán da USC produciron, promovidos polo Consello da Cultura Galega, a exposición Outros verbos. Novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936) que se inaugurou en Fonseca o pasado mes de xullo. Logo de pasar pola madrileña Residencia de Estudantes, a mostra comeza agora en Lisboa un percorrido internacional que a levará a visitar despois Roma e outras cidades europeas e americanas. Dende a semana pasada quen se achegue á sede do Instituto Cervantes da cidade lusa terá a oportunidade de coñecer unha imaxe inédita do Valle-Inclán escritor e intelectual alén das nosas fronteiras, derivada do coñecemento de nova documentación, en boa parte reunida nos últimos anos polo Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC. “Trátase –explicou no seu día a comisaria da exposición e profesora da USC, Rosario Mascato– dun corpus que, ademais de ampliar considerablemente a nómina de xestores, tradutores, editores, críticos, revistas ou xornais, incorpora novas traducións das obras publicadas en vida do escritor; artigos críticos de recepción da súa figura e obra; o epistolario cruzado con algúns dos axentes responsables do proceso de publicación noutros países e mesmo as ilustracións e caricaturas que acompañan os textos”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.05.2015.