Pasar al contenido principal

O prazo de matrícula para participaren no obradoiro de elaboración de TFG e TFM remata o martes

O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza en Santiago un obradoiro co que mellorar a redacción dos traballos de fin de grao ou de mestrado ademais de preparar a súa defensa oral diante do tribunal, coa axuda de presentacións dixitais. As persoas interesadas en realizalo dispoñen de prazo ata o martes 9. O curso combina exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos. No obradoiro pode participar todo o alumnado matriculado na materia ‘Traballo de Fin de Grao’ ou ‘Proxecto de fin de carreira’ ou que teña que elaborar o TFM, con nivel de Celga 4 ou equivalente. Nas 30 horas do curso, 23 delas presenciais, as persoas asistentes verá contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do traballo. As persoas matriculadas no curso verán recoñecida a participación con 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) para todas as titulacións de grao e un diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula no curso (30 euros) faise a través de Internet na páxina do SNL.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.06.2015.