Pasar al contenido principal

O Premio de Investigación MetalBIO distingue proxectos que describan avances nos eidos da bioinorgánica ou da bioquímica

Cartaz da convocatoria do Premio MetalBIO
Cartaz da convocatoria do Premio MetalBIO
O prazo de presentación de traballos a este certame, dotado con 400 euros en metálico para a proposta gañadora, remata o 10 de xullo

A Rede galega de investigación de ións metálicos en sistemas biolóxicos (MetalBIO) vén de convocar o I Premio de Investigación MetalBIO, un certame dotado con 400 euros en metálico para a proposta gañadora, ademais da matrícula de balde no curso da Universidade de Verán 2015 da USC ‘Retos e oportunidades da industria de procesos químicos’, e a través do que se pretende incentivar e promover a actividade científica e divulgativa entre o estudantado das universidades galegas. Avanzar na sensibilización sobre a importancia da investigación, en particular no ámbito da bioinorgánica e da bioquímica, como vía de progreso da sociedade, é outra das premisas coas que nace esta convocatoria lanzada pola rede de investigación galega. Asemade, a través deste tipo de iniciativas, a rede MetalBIO e a Asociación Profesional para a Difusión da Ciencia Química queren reivindicar a necesidade de reforzar a aposta polo sistema de I+D+i como base para superar moitos dos retos aos que se afronta a humanidade, retos que en moitos casos pasan pola optimización de recursos (alimenticios, ambientais, materiais, etc.) como vía para a consecución de melloras sociais e de saúde e tamén para o desenvolvemento económico. O I Premio de Investigación MetalBIO é unha nova mostra do compromiso manifestado polos membros desta rede para traballar a prol da superación deste restos desde o seu ámbito de coñecemento para o desenvolvemento de novos fármacos ou produtos con propiedades terapéuticas, marcadores para radio-diagnose, catalizadores biomiméticos con aplicacións en procesos industriais e alimenticios, control e tratamento de contaminación por ións pesados... Este compromiso fundaméntase, segundo explican desde esta rede galega de investigación, na intención de procurar unha orientación aplicada da investigación, buscando así que sexa útil para a sociedade nos prazos máis curtos posible, segundo subliñan os científicos agromados a carón da Rede MetalBIO. Bases do Premio MetalBIO O I Premio de investigación MetalBIO está aberto á participación de calquera alumno ou alumna con matrícula nun grao en calquera das universidades galegas durante o curso 2014-2015. Os/as candidatos/as deberán presentar un proxecto científico en formato cartel no que se describa un avance científico no ámbito da bioinorgánica ou da bioquímica de metaloproteínas, tal e como se recolle nas bases desta convocatoria O prazo de presentación de candidaturas rematará o vindeiro 10 de xullo de 2015. Os participantes deberán remitir as súas respectivas propostas ao enderezo de correo electrónico metalbio [at] metalbio.org (metalbio[at]metalbio[dot]org). O autor/a do proxecto galardoado recibirá como premio 400 euros en metálico, ademais de diploma acreditativo e da matrícula gratuíta no curso da Universidade de Verán 2015 da USC ‘Retos e oportunidades da industria de procesos químicos’.

O xurado encargado de fallar este premio, que está presidido polo coordinador da Rede MetalBIO, Manuel Bermejo Patiño, tamén concederá tres accésits, que consisten na matrícula gratuíta no devandito curso e verán, ademais de cadansúa bolsa de aloxamento cun importe de 50 euros.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.06.2015.