Pasar al contenido principal

Humanidades perfila dobres títulos de grao en Lingua e Literatura Españolas e Ciencias da Cultura con tres universidades chinesas

QuanWang, JoDee Anderson e Carme Silva, da USC, e, á dereita, dous responsables académicos da universidade chinesa de Guangdong
QuanWang, JoDee Anderson e Carme Silva, da USC, e, á dereita, dous responsables académicos da universidade chinesa de Guangdong
A incorporación dos novos títulos á oferta académica da USC posibilitaría a matrícula dun fluxo estable de estudantes chinos na Facultade de Humanidades de Lugo

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC está a traballar con tres universidades chinesas cara a articulación de dobres titulacións de grao en Lingua e Literatura Españolas e Ciencias da Cultura, uns novos programas académicos que poderían incorporarse xa á oferta da USC para o curso académico 2016-2017.

A aprobación e posta en marcha destas titulacións dobres entre a USC e a Xi’an International Studies University (XISU), Guangdong University of Foreing Studies (GDUFS) e a Sichuan International Studies University (SISU), garantiría a incorporación dun fluxo sostible de estudantes procedentes destas tres universidades chinesas ás aulas da Facultade de Humanidades do campus de Lugo. Os contactos establecidos entre as antes citadas universidades chinesas e a Facultade de Humanidades cara a articulación destes títulos dobres comezaron hai tempo, pero experimentaron un significativo avance este mes, cando unha delegación da USC, formada pola vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a profesora do Departamento de Inglés JoDee Anderson, e QuanWang, da Oficina de Relacións Exteriores da institución académica compostelá, se desprazou a China para manter reunións de traballo con representantes da universidades chinesas de Xi’an, Guangdong e Sichuan. As tres universidades chinesas visitadas están moi interesadas en articular estas titulacións dobres coa USC, segundo a vicerreitora Carme Silva Domínguez, quen sinala que as propostas programáticas expostas polos responsables académicos das universidades chinesas son variadas. Así, unha das alternativas baralladas é que os estudantes asiáticos completen dous cursos nas súas universidades de procedencia en China para logo facer outros dous en Lugo, durante os que estudarían, ademais do idioma español, materias de Lingua e Literatura Españolas e de Ciencias da Cultura. A opción de cursar estudos de posgrao no campus de Lugo, ben no máster en Servizos Culturais ou no de ADE, a través do deseño dun itinerario formativo programado en cinco anos, dos que os estudantes chinos só permanecerían os dous últimos en Lugo é outra das posibilidades baralladas, aínda que, a priori, resulta máis difícil de poder executar, sinala Silva Domínguez. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo destacou asemade as xuntanzas de traballo mantidas entre a delegación da USC cos representantes das tres universidades chinesas antes citadas, permitiron corroborar o grande interese destas porque o seu alumnado poida ampliar a súa formación e os coñecementos da lingua e da cultura española na USC. Daquela, Carme Silva di ser optimista de cara a que frutifiquen estes contactos para a inminente oferta de dobres titulacións de grao entre a Facultade de Humanidades e as universidades chinesas de Xi’an, Sichuan e Guangdong.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2015.