Pasar al contenido principal

A compostaxe como alternativa para a xestión de biorresiduos centra un simposio no campus de Lugo

Cartaz do simposio
Cartaz do simposio
O coordinador desta actividade, o profesor da USC Xan Neira Seijo, abrirá o xoves 26, ás 9.00 horas, a quenda de relatorios no salón de actos da Escola Politécnica Superior

A compostaxe como alternativa ou proposta agroecolóxica para a xestión de biorresiduos centra este xoves un simposio na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, unha sede universitaria que pretende facer da compostaxe unha das súas iniciativas estratéxicas a prol da conservación do medio ambiente, tal e como o proba a recente posta en marcha de varios composteiros de uso libre para toda a cidadanía.

Os obxectivos deste simposio sobre compostaxe, organizado pola USC en colaboración coa Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (Seae), Sociedade Galega de Agroecoloxía (Soga) e Deputación Provincial de Lugo, céntranse na proposición de iniciativas e instrumentos orientados a favorecer políticas activas a prol de sistemas para a xestión de biorresiduos. Analizar os elementos sostibles do manexo da materia orgánica e compost , e o intercambio de experiencias neste eido, constitúen outras das premisas desta actividade formativa e de carácter divulgativo. O programa deste simposio sobre compostaxe desenvolverase en quenda de mañá e tarde no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo. O profesor da USC e coordinador deste programa, Xan Neira Seijo, abrirá ás 9.00 horas, a quenda de intervencións cunha exposición sobre cándo e qué se pode compostar. O emprego da madeira na construción como exemplo de posta en valor da biomasa forestal será o tema sobre o que disertará o catedrático da USC Manuel Guaita. O uso dos residuos domésticos, industriais e agrogandeiros, así como a xestión de biorresiduos como política pública centrarán outros dos relatorios programados neste simposio, que inclúe tamén un obradoiro práctico de compostaxe en quenda de mañá na finca de prácticas da EPS. O compromiso da USC co desenvolvemento sostible, a biomasa foresta e o desenvolvemento rural e a análise dos distintos modelos de xestión de residuos orgánicos e gandeiros completan a relación de temáticas que serán abordadas, xa en quenda de tarde, no marco deste simposio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2015.