Aberta a inscrición no obradoiro virtual sobre Facebook para pemes e autónomos organizado pola Aula TIC-Pemes da USC
A Aula TIC-Pemes da USC mantén aberto ata o vindeiro 14 de maio o prazo de inscrición na segunda edición do obradoiro virtual sobre Facebook para pemes e autónomos, un programa que se desenvolverá en liña desde o 15 de maio ata o 15 de xuño.
O obxectivo dos promotores deste obradoiro virtual pasa por contribuír a darlle visibilidade ás pemes e aos autónomos da contorna na rede social Facebook, a través do establecemento dunha relación 2.0 cos clientes actuais e tamén con potenciais usuarios dos seus produtos e servizos. A partir do establecemento desta ligazón inicial, autónomos e pemes poderán traballar na mellora da calidade dos servizos prestados para así potenciar e aumentar as súas vendas. O programa formativo, orientado cara a pemes e autónomos, pero aberto á participación de calquera persoa interesada, ten un marcado carácter práctico e inclúe contidos teóricos e titorías virtuais. Está estruturado en 50 horas formativas. O prezo da matrícula, para cuxa formulación é preciso cubrir este formulario online é de 50 euros, aínda que os estudantes e antigos alumnos/as da USC poderán beneficiarse dun desconto do 50% das taxas.