Pasar al contenido principal

Responsables das facultades de Artes e Humanidades de Galicia defenden a Universidade pública coa Declaración de Salamanca

Momento da lectura da Declaración de Salamanca na Reitoría da USC (Foto: SERVIMAV-USC)
Momento da lectura da Declaración de Salamanca na Reitoría da USC (Foto: SERVIMAV-USC)
O manifesto, que se leu simultaneamente en toda España, defende ademais o papel da ensinanza de Humanidades na sociedade actual

Os decanos e decanas das facultades de Humanidades e Artes de toda Galicia reuníronse este mércores na sede da Reitoría da USC para dar lectura –simultánea en todas as Universidades españolas– á Declaración de Salamanca en defensa da Universidade pública e do papel que a ensinanza das Humanidades ten na sociedade e no momento actual. A Declaración de Salamanca asinouse unanimemente o pasado mes de marzo no transcurso da XXIII Conferencia de Decanatos de Letras para manifestar “con toda contundencia a nosa inquedanza polo deterioro das Universidades públicas na docencia, a investigación e a xestión”. Entre outros asuntos os decanos e decanas, que expresan a súa oposición á tendencia “cada vez máis frecuente” á privatización da xestión, demandan a equiparación dos orzamentos de educación e investigación á media da UE, un “axeitado” relevo xeracional entre o profesorado, unha dedicación similar de todo o Persoal Docente e Investigador a tempo completo, a suspensión do 3+2, a equiparación das taxas universitarias de grao e mestrado entre si e entre as diferentes Comunidades Autónomas, a dotación do número necesario de bolsas e “que cesen os excesos de intervencionismo dos gobernos da Universidade”. Toda Galicia representada A lectura íntegra do manifesto fíxoa a decana de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Rosa Pérez Rodríguez, que estivo acompañada, da USC, pola decana de Filoloxía, María José López Couso; o de Filosofía, Rafael Martínez Castro; a de Humanidades, María Isabel González Rey; e o de Xeografía e Historia, Juan Monterroso Montero. Da Universidade da Coruña asistiu a decana de Filoloxía, María Jesús Lorenzo Modia, mentres que de Vigo participaron ademais as decanas de Historia, Susana Reboreda Morillo, e de Belas Artes, Silvia García González.

Estaban tamén presentes no acto reivindicativo en Santiago os vicerreitores de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López López, e de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías da UDC, Julio Abalde Alonso, ademais doutros membros de equipos decanais e estudantes.

Foto de grupo de autoridades e decanos e decanas de Humanidades das niversidades galegas (Foto: SERVIMAV-USC)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2015.