Pasar al contenido principal

A Biblioteca Intercentros achega o público a contextos de prostitución a través dunha mostra fotográfica

Cartaz da mostra sobre prostitución
Cartaz da mostra sobre prostitución
A exposición, organizada por Cáritas e integrada por doce paneis e outro material informativo, permanecerá aberta ata o 13 de novembro

A Biblioteca Intercentros achégase aos contextos de prostitución a través dunha mostra fotográfica, organizada pola Área de Muller de Cáritas Diocesana de Lugo en colaboración co Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu) da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, que permanecerá aberta ao público ata o 13 de novembro na entrada do devandito centro universitario lugués, desde onde se trasladará logo ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula).

A mostra, de carácter itinerante e estruturada en doce paneis ademais doutro material informativo, inclúe fotografías realizadas por mulleres en contextos de prostitución (algunha dela vítima de trata de seres humanos) e pretende sensibilizar á comunidade universitaria, así como ao público en xeral, sobre esta situación. A instalación desta exposición no campus de Lugo encádrase dentro das actividades de colaboración que está a realizar o coas entidades sociais cos que mantén convenios en materia de voluntariado, segundo sinala Fátima Teixeiro. As fotografías que forman parte desta exposición amosan os sonos e os medos das protagonistas a través de instantáneas realizadas con móbil. Asemade, as participantes desta acción explican e completan as súas imaxes con comentarios escritos do seu puño e letra, uns testemuños que van acompañados de diverso material informativo sobre prostitución, explotación sexual e trata de persoas. A área de Muller de Cáritas Diocesana de Lugo leva máis de 20 anos traballando con mulleres en contextos de prostitución. Ademais da atención social, psicolóxica, xurídica e/ou laboral que se lle proporciona ás mulleres; o traballo de sensibilización que desenvolve considérase un punto crave para a eliminación do estigma que recae sobre este sector de poboación, así como para a mellor intervención dos/as diferentes profesionais que atenden ás mulleres, cuxa sensibilización e información sobre a explotación e a trata de persoas é imprescindible para a correcta identificación das vítimas.

A trata de persoas é un fenómeno oculto e non visible en Galicia. As cifras e datos que se estiman de existencia de trata na comunidade galega son a “punta do iceberg” dunha situación real na que a identificación das vítimas é moi complexa. A Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (ONUDD) estima que unha de cada sete mulleres en prostitución en Europa é vítima de trata sexual e só unha de cada 20 vítimas de trata é identificada nos países industrializados.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2015.