Pasar al contenido principal

A USC apoia un proxecto solidario coas persoas refuxiadas

Foto: Gabriel Tizón
Foto: Gabriel Tizón
Gabriel Tizón presenta na USC o Proxecto Muros, para o que require a colaboración da cidadanía

Tras semanas percorrendo seis países acompañando as miles de persoas que camiñan por Europa nunha fuxida desesperada das inxustas guerras, o fotógrafo Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana presentan este xoves ás 19.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o Proxecto Muros, unha iniciativa solidaria que dá voz aos refuxiados para que conten en primeira persoa a súa experiencia vital.

Proxecto Muros consiste nunha exposición fotográfica que se inaugurará en novembro no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol e un libro con textos escritos polos propios refuxiados acompañados de fotografías de Gabriel Tizón. “Durante as semanas de traballo no terreo, establecemos contacto con varias persoas interesadas en contar a súa propia historia, como testemuña en primeira persoa dunha realidade descoñecida e xa esquecida”, explica Tizón.

A asociación Causas Comúns, promotora da iniciativa, busca con esta iniciativa dar a coñecer esta terrible situación dende a perspectiva dos seus protagonistas “para sentir a proximidade e ánimo da xente que os admira e os recibe e non deixar que caia no esquecemento” e á vez axudar economicamente a esas familias (os beneficios serán íntegros para os autores dos textos).

A participación no proxecto, cun custe de 40 euros, inclúe o libro e unha fotografía asinada do fotógrafo Gabriel Tizón en tamaño de 20 x 30 cm. a elixir da galería Proxecto Muros que o fotógrafo ten no seu web. De forma opcional, as persoas participantes poden enviar unha frase coa súa opinión sobre este drama que será incluída no libro acompañando do seu nome. A data de peche é o día 10 de novembro.

Foto: Gabriel Tizón Foto: Gabriel Tizón

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2015.