González Rey asume o segundo mandato como decana co reto de transformar Humanidades para adaptala ás necesidades actuais
A profesora do Departamento de Filoloxía Francesa da USC María Isabel González Rey asume o desafío de traballar a prol da transformación da actual Facultade de Humanidades en aras á súa transformación para adaptala ás necesidades da sociedade actual, caracterizada pola tecnoloxía e o inmediato. González Rey adiantou estes compromisos cara os próximos anos no acto de toma de posesión como decana da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, un cargo que asume por segunda vez, aínda que cun equipo renovado, formado polos profesores Gonzalo Francisco Fernández Suárez, en calidade de vicedecano, e José María Anguita Jaén, quen desenvolverá as funcións de secretaría.
O fortalecemento da identidade da Facultade de Humanidades da USC como centro universitario e de investigación, a través da creación de departamentos e novos grupos de investigación conformados por profesorado propio e tamén doutros centros e facultades dos campus de Lugo e de Compostela, e o aproveitamento do proceso de especialización do campus de Lugo agromado no proxecto Campus Terra para mellor o posicionamento do centro no conxunto da USC. A integración da facultade luguesa no futuro Campus da Cidadanía, constitúe outro dos obxectivos nos que traballará o novo equipo decanal, segundo sinalou González Rey na súa toma de posesión como decana, unha sesión presidida polo reitor Juan Viaño e á que tamén asistiron a secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro, así como os vicerreitores Javier Bueno e Andrés Barreiro, ademais de decanos e directores de centros do campus lugués. González Rey sinalou neste senso que áreas como a internacionalización, o patrimonio ou a formación semipresencial son algúns dos parámetros recollidos no proxecto do Campus Terra nos que a Facultade de Humanidades da USC está chamada e ten capacidade para acadar un maior grao de visibilidade, dadas as actuais singularidades que presenta o centro, que tamén traballa no cambio da súa actual denominación, dixo. O reitor da USC, Juan Viaño, agradeceu o compromiso e o espírito de colaboración amosado pola decana de Humanidades, un centro que, segundo lembrou, viu incrementado o seu alumando nos graos que imparte coas accións desenvolvidas ao abeiro do plan de choque que conta con financiamento da Deputación de Lugo, ao tempo que completa as prazas ofertadas no máster en Servizos Culturais e no seu programa de doutoramento.