Pasar al contenido principal

A USC retoma a formación especializada en materia de cooperación ao desenvolvemento

Cartel do curso
Cartel do curso

O Servizo de Participación e Integración Universitaria (SPIU) promove o curso de formación continua sobre cooperación internacional para o desenvolvemento cuxos contidos abordan dende a evolución das teorías do desenvolvemento ata a xestión pura de proxectos. O prazo de preinscrición remata o 20 de novembro e as sesións presenciais desenvolveranse os días 9, 10, 11, 14, 15 e 17 de decembro na Aula Verde da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega. Con esta iniciativa, o Servizo de Participación e Integración Universitaria inclúe de novo a cooperación ao desenvolvemento na oferta académica da USC incluíndo ademais o seu recoñecemento con 3 créditos ECTS.

A cooperación internacional para o desenvolvemento é unha saída laboral potencial para o estudantado universitario de diferentes áreas de coñecemento, explican dende o Servizo universitario responsable da organización do curso. A pesares de ser un sector que sufriu grandes recortes nos derradeiros anos, segue a ser un ámbito de moito interese para as mozas e mozos que queren dedicarse profesional á xestión das políticas de cooperación ao desenvolvemento. Neste senso, as políticas de cooperación, orientadas a unha real superación da pobreza e as desigualdades, precisan de profesionais que contribúan a mellorar o impacto da axuda para o desenvolvemento, explican dende SPIU.

Este curso inclúese no plan de traballo da Rede Galega de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (RGCUD) que conforman as tres universidades galegas co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Externas e coa Unión Europea. RGCUD ten como unha das súas finalidades fomentar a participación de toda a comunidade universitaria en actuacións de desenvolvemento, sendo o colectivo de estudantes un dos seus obxectivos. Ao igual que todas as actividades da RGCUD, esta nova acción formativa conta co financiamento de Cooperación Galega da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.11.2015.