Os montes veciñais en man común representan o 23% da superficie de monte en Galicia e ocupan 600.000 hectáreas
Os montes veciñais en man común representan o 23% da superficie de monte en Galicia, ocupan unhas 600.000 hectáreas de terreo e representan un recurso económico de primeira magnitude, segundo se puxo de manifesto este xoves na xornada ‘Montes veciñais, a titularidade comunitaria no contexto europeo’, un foro técnico promovido polo grupo de investigación Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) da USC e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que reúne máis de 60 comuneiros de Galicia e Portugal no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.
A subdirectora da EPS e investigadora do grupo Ecoagrasoc, Ana Isabel García Arias, foi a encargada de dar a benvida aos participantes nesta xornada sobre montes veciñais en man común, un foro aberto no que están representados técnicos da Administración, xuristas e comuneiros e que está pensado como espazo aberto para intercambiar opinións, consultar dúbidas e resolver problemáticas existentes de carácter legal. A xornada, organizada ao abeiro do proxecto ‘O monte comunal en Galicia desde a Idade Media á actualidade: de soporte dun vello complexo agrario a recurso medioambiental e patrimonio paisaxístico’, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, desenvolveuse arredor de dúas liñas de debate relativas á análise da realidade actual respecto dos montes veciñais desde a perspectiva da titularidade comunitaria e tamén respecto dos proxectos europeos orientados á posta en valor do medio rural. O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, Alfredo Pereira; o enxeñeiro de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia Xabier Bruña; o xefe de servizo de Montes da provincia de Lugo, Ramón Rozadilla; Susana López González, letrada do gabinete Calixto Escariz Abogados, e o enxeñeiro de Montes e técnico colaborador da USC Marco Rubinos completan a nómina de relatores participantes neste foro, no que a profesora da USC Mar Pérez Fra tamén interveu como moderadora dun coloquio. Pereira, Rozadilla, García, López e Bruña, nun momento do debate