Pasar al contenido principal

A USC leva esta semana a filosofía á rúa

A USC leva esta semana a filosofía á rúa
A USC leva esta semana a filosofía á rúa
Celebrando o Día Mundial da Filosofía

Coincidindo o 19 de novembro co Día Mundial da Filosofía, a facultade compostelá celebrará por primeira vez unha serie de actividades que levarán esta semana a distintos puntos da cidade co fin de destacar a importancia desta disciplina. A programación presentouse esta mañá nun acto no que participou o vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira.

A Facultade pretende con este ciclo convidar a un exercicio de pensamento libre, razoado e informado sobre os desafíos do tempo actual. Precisamente esta tarde, ás 19.30 horas, terá lugar no Paraninfo da Universidade o recital ‘Fritz. Seis pezas para piano de Friedrich Nietzsche’ a cargo de Pablo Seoane. As actividades deste luns rematan co obradoiro ‘Falar do que non se pode falar. A experiencia do baleiro na filosofía da India e no atomismo grego’ que impartirán Kali Ferández e Javier Turnes ás 21.00 horas co SCQ Café Bar (Rúa das Orfas, 2).

Para o martes 17 está prevista ás 20.00 horas no salón de actos de Filosofía a presentación do libro Delourando os días, na que participarán o seu autor Xosé Lorenzo Tomé, mestre do IES Miraflores de Oleiros, así como Alberto Sucasas, da Universidade da Coruña, e Eduardo Bangueses, do IES de Santa Comba. A xornada rematará cun recital de poesía filosófica no Pub Caldereiría (Caldereiría, 26) con Paula Castrillón, Gabriel Adelio Saia, Yasmina García, Kali Fernández, Archy, Candela Díaz e Hugo Reine.

‘Té con Kant’ é o título da peza teatral que Inversa Teatro representará o mércores ás 19.00 horas na Aula 4 da Facultade. A ela seguiralle, xa no salón de actos, a presentación de Ética Animal: ética alén do especismo de Óscar Horta.

O programa de actividades concluirá o propio xoves de celebración do Día Mundial co seminario ‘Pensar o cinema coa filosofía’ que impartirá Belén Vázquez a partir das 19.00 horas na Casa Silveira (Cardenal Payá, 18) e coa conferencia que pronunciará ás 20.00 horas na facultade Francisco Castro, de Editorial Galaxia, na que baixo o título ‘Facultad@s para moito’ dará conta de cómo un filósofo pode ser ademais escritor, xestor cultural ou director de equipos humanos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2015.