Pasar al contenido principal

Homenaxe a Eugenio Montero Ríos e xornada de portas abertas para celebrar o patrón de Medicina

O Salón de Actos da Facultade de Medicina acolle este luns 19 o acto académico de celebración do patrón do centro que presidirá ás 13.30 horas o presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijoo. Na cerimonia intervirán o reitor da USC, Juan Viaño; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o decano da facultade, Juan Gestal; e o ex reitor Ramón Villares, catedrático de Historia Moderna e presidente do Consello de Cultura Galega, que será o encargado de pronunciar a lección maxistral ‘ Montero Ríos e a Facultade de Medicina de Santiago’, figura a quen se dedica esta xornada.

Asisten tamén o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña; o xerente do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Luis Verde; e o presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos, Luciano Vidán.

Xornada de Portas abertas
Previo a esta xornada académica, a facultade –que este ano cumpre 367 de existencia- abrirá desde as 11.00 horas as súas portas a calquera persoa interesada en coñecer as súas instalacións.

Quen se achegue ao centro poderá visitar as salas de técnica anatómica, con mesas de disección (unha asinada por Castelao) e as maquetas coas que estudan anatomía os alumnos de Medicina; o laboratorio de microscopía de anatomía patolóxica; a Unidade de educación médica, co laboratorio de habilidades e as salas de simulación básica e avanzada; ou o Museo Nacional da Anestesia no que se explica cómo no Hospital Clínico de Santiago se fixeron as primeiras anestesias de España con cloroformo, sintetizado por Antonio Casares, un mes despois de levarse a cabo as primeiras do mundo en Edimburgo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.10.2015.