Pasar al contenido principal

Repensar, redeseñar e recoñecer

Repensar, redeseñar e recoñecer
Repensar, redeseñar e recoñecer
Unhas xornadas na ETSE propoñen unha reflexión sobre innovación en medio ambiente

Visibilizar as accións que empresas e investigadores galegos están a desenvolver para buscar solucións innovadoras aos problemas ambientais e mostrar a importancia da divulgación para achegar a ciencia á cidadanía. Estes son os obxectivos que perseguen as xornadas que o grupo informal Enxeñería Verde de alumnas e alumnos da USC organizan no salón de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería os próximos 7 e 8 de outubro.

O encontro, que se inaugurará este mércores 7 ás 10.00 horas, contempla intervencións dos representantes de empresas que apostan pola innovación para a resolución de problemas ambientais así como de investigadores da USC que mostrarán as liñas nas que traballan actualmente dende a Universidade en relación coa ecoinnovación. A quenda para a divulgación científica será na mañá do xoves, seguida dun bloque reservado ao emprendemento e a actitude emprendedora.

Aínda que especialmente dirixida a mozas e mozos que queiran orientar a súa carreira profesional cara ao eido da innovación e/ou o medio ambiente, as (eco)xornadas están abertas a todo o público interesado.

Esta iniciativa está financiada polo programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia dirixido a promover a educación non formal entre as mozas e mozos galegos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.10.2015.