Últimos días para visitar en Fonseca a exposición ‘Trazos do Pasado’
O uso de novas tecnoloxías e ferramentas para a localización e investigación de sitios arqueolóxicos é o eixo central da exposición ‘Trazos do pasado’, unha mostra do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) coa que colabora a USC e que permanecerá aberta no Claustro do Colexio de Fonseca ata o 15 de outubro.
A exposición céntrase especialmente nas chamadas tecnoloxías non invasivas, isto é, os métodos que permiten localizar, recoñecer e explorar sitios arqueolóxicos sen necesidade de intervir directamente sobre eles, de modificalos, e ás veces sen necesidade sequera de percorrer o terreo.
Descríbense na mostra os usos arqueolóxicos de 5 ferramentas: as fotografías aéreas modernas, as fotografías aéreas antigas, as imaxes de satélite, o escaneado láser (LIDAR) e as diferentes formas de prospección xeofísica (eléctrica, magnética, xeorradar,…). Ademais de explicar o funcionamento de cada unha delas con exemplos dos resultados que proporcionan, tamén se presentan proxectos nos que se combinaron varias delas, como é o caso do estudo das fortificacións de época moderna no Baixo Miño, realizado dende o Incipit.
A montaxe conta cun parte puramente visual con imaxes que representan exemplos de cómo se ven diferentes lugares arqueolóxicos a través de fotografías aéreas antigas, imaxes de satélite, datos de escaneado láser 3D ou tomadas con drones. Case todos estes paneis máis visuais conteñen exemplos de xacementos arqueolóxicos de Galicia ou de sitios investigados en proxectos realizados polo Incipit no Norte de Portugal, Chile ou Uruguai.
A exposición, que comisaría o científico do CSIC César Parcero-Oubiña, é resultado do proxecto Archaeolandscapes Europe que, financiado pola Comisión Europea, se desenvolveu entre 2010 e 2015 e agrupa 73 institucións (universidades, museos, centros de investigación) de Europa e Norteamérica especializadas no traballo arqueolóxico con este tipo de ferramentas, entre as que se inclúe o Incipit.