Pasar al contenido principal

O reitor Juan Viaño reivindica a función social da universidade, “que debe adaptarse ás necesidades que xorden cada día”

Na conferencia que este mércores pronunciou na tribuna do Forum Europa no Hostal dos Reis Católicos

“Temos a obriga de existir porque somos unha peza fundamental no crecemento de calquera sociedade e temos a obriga de adaptarnos ás necesidades que cada día nacen entre nós”. Con esta idea resumía esta mañá o reitor da USC Juan Viaño a súa intervención na tribuna do Forum Europa que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos.

“Para converterse nun patrón de consolidación do futuro, unha universidade debe crear coñecemento, garantir que os seus estudantes aprendan as claves da súa disciplina e loitar porque o tecido produtivo avance cos mellores traballadores e coas mellores solucións aos problemas que xurdan cada día”, dixo. “Para poder xogar na liga de universidades de referencia mundial temos que deixar de falar todos os días de situación económica, de axustes e de Plan de Reequilibrio”, engadiu.

Na conferencia ‘As consecuencias económicas da calma. A universidade como patrón de consolidación do século XXI’ o reitor incidía no compromiso social das universidades e facía un chamamento á busca dos mecanismos necesarios “para unha fluída relación entre o tecido industrial e o formativo” coa internacionalización como reto. Non só é necesario un maior investimento público en formación superior, en investigación e desenvolvemento e en ciencia –a pesar de recoñecer “o esforzo” da Xunta de Galicia no último Plan de Financiamento– senón que tamén hai que mellorar, dixo, “os indicadores de colaboración do sector económico privado que marcan ás mellores universidades do mundo, pese a esas 1.000 empresas que cada ano asinan un convenio coa nosa universidade en temas de investigación”.

No seu discurso explicou a estratexia de recuperación da Universidade de Santiago no contexto actual de saída da crise, “primeiro, para aumentar os ingresos a través da mellora na captación de estudantes e dos novos recursos de investigación e, segundo, a través da adaptación de toda a nosa estrutura aos tempos actuais”. Esa adaptación, explicou, supuxo unha redución do cadro de persoal baseada fundamentalmente no reequilibrio de áreas docentes, o que tamén levou aparellada un “modelo de cambio radical nas nosas estruturas para buscar unha maior eficacia e, polo tanto, unha maior calidade tanto na docencia como na investigación”. Referíase Viaño á redución dun 30% das unidades departamentais, as encargadas de organizar a docencia, “algo no que estamos inmersos na actualidade” .

Marcou tamén na súa intervención como un acerto a oferta dos dobres títulos, cun alto índice de matrícula, e que ofrecen a oportunidade de compaxinar dúas disciplinas complementarias que permiten ao alumnado introducirse no mundo laboral dun mellor xeito, “cunha formación integral e coa contribución dunha serie de competencias interdisciplinares que necesariamente deben ser mellores para todos”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.10.2015.