Conclúe o II Encontro Cidadanía e Educomunicación
O proxecto Cidadanía e Educomunicación (CIDEC) reuniu nos últimos días a investigadores, comunicadores e organizacións e activistas sociais no II Encontro Cidadanía e Educomunicación: das representacións ás participacións’. Ao longo dos diversos debates os asistentes coincidiron en sinalar a existencia de eivas na comunicación tanto de traballos de participación con grupos en exclusión social como de investigacións sobre estes grupos feitas no marco da academia. Os tres colectivos tamén reivindicaron unha maior interacción entre a universidade, os medios de comunicación e as organización sociais.
Como explican os organizadores do encontro, os participantes sinalaron a formación como un elemento importante para superar os problemas detectados, de xeito que se “axude aos profesionais dos distintos ámbitos a coñecer as dinámicas do resto e así permitir vencer as barreiras comunicativas detectadas”. En paralelo, do debate apreciase a necesidade de “intensificar a conexión dos medios e a universidade coa sociedade” e así “reforzar o compromiso social que este ámbitos deben ter coa cidadanía” porque , como apuntan os responsable da xornada, “tanto dende o xornalismo como dende o ámbito académico debe traballarse cunha maior responsabilidade social”.
A partir do diálogo establecido nas distintas mesas en que se organizou o encontro, os integrantes de CIDEC sinalan igualmente necesario “crear redes e estratexias compartidas nas que colaboren grupos de investigación, organizacións sociais e comunicadores”. Este traballo en rede permitiría fortalecer as súas relacións, potenciar a súa relación e propor actividades de formación, conclúen os promotores desta actividade. O obxectivo final sería, din que sería “ garantir a participación de todos os grupos sociais na xestión do común, garantir o seu dereito á comunicación e avanzar cara unha investigación e un xornalismo con sensibilidade e compromiso sociais”.
No transcurso do encontro tamén se presentou o Observatorio Cidadán da Comunicación (OCC), concibido como unha ferramenta de análise e reflexión sobre a comunicación en todas as súas vertentes, con especial atención ao labor dos medios de comunicación. O proxecto CIDEC está desenvolvido por cinco grupos de investigación galegos dentro da Rede Europa-América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE) e está financiado pola Xunta de Galicia e os fondos FEDER da Unión Europea.