Directivos e profesionais exercerán de mentores do alumnado da USC na entrada ao mercado laboral

Mentoring é un novo proxecto da USC para poñer en contacto a estudantado de máster, graduados/as ou alumnado de último ano de grao con directivos de empresas e profesionais co fin de que estes últimos poidan orientalos e apoialos na busca de emprego e no desenvolvemento da súa carreira profesional. Este é un proxecto que se atopa actualmente en fase de desenvolvemento, coa captación de posibles mentores, e que en semanas próximas se abrirá á comunidade universitaria interesada.
As principais características desta nova iniciativa da USC presentáronas aos medios de comunicación o reitor Juan Viaño, e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez Pérez. A nova proposta da USC busca reducir a incerteza do alumnado que rematou ou está a piques de rematar a súa etapa universitaria e carece de referencias previas para orientarse axeitadamente o seu perfil ao mercado laboral. Para logralo estase a procurar o apoio de empresarios/as, directivos/as e emprendedores/as que sumándose a esta iniciativa exercerán de “ guía, canalizadores de contactos e conselleiros”, como explicou Dolores Álvarez quen lembrou que xa se incorporaran á iniciativa vinte profesionais de diferentes ámbitos empresariais.
O novo programa permite ademais completar un círculo que se inicia nas aulas, onde “a universidade prepara, forma, promove habilidade e competencias” e ás que este novo programa xunta agora a aplicación práctica ao promover o contacto co mundo laboral, engadiu o reitor Juan Viaño. Poderá ser mentor ou mentora calquera directivo, profesional ou emprendedor con preparación que estea disposto a dedicar unha parte do seu tempo a escoitar as inquedanzas dos estudantes, compartir coñecementos e experiencias e aconsellar ás persoas ‘mentorizadas’. Ademais, a empresa ou organización á que pertenza o mentor/a visibilizarase na web da USC e acreditarase como “empresa colaboradora” da Universidade de Santiago.
O mentor ou mentora comprométese a asistir á sesión de presentación do proxecto e á sesión de clausura do programa, na que os/as participantes compartirán os seus resultados e experiencias. Ademais manterán un mínimo de catro reunións coas persoas ‘mentorizadas’ no seu lugar de traballo ou por medios telemáticos durante os catro meses posteriores á presentación.
Poderán solicitar a participación neste programa o estudantado de máster ou de último ano de grao e graduados que queiran contactar cun/ha profesional ou emprendedor/a para que lles axude alcanzar un mellor aproveitamento do seu potencial e facilitar o acceso a recursos profesionais apropiados. Na selección do estudantado priorizaranse aqueles alumnos/as con mellor expediente e moi especialmente os/as que estudan con bolsa. A cada estudante seleccinado/a asignaráselle un mentor ou mentora que teña un perfil académico ou profesional apropiado para que o acompañe e guíe durante catro meses.
O alumnado deberá asistir ás sesións presenciais de presentación e clausura do proxecto, tomar a iniciativa para contactar co mentor/a e con el/a planificar os obxectivos deste período e finalmente valorar o desenvolvemento do programa e os resultados obtidos. En próximas semanas está previsto que este programa xeral se complemente cunha convocatoria especial para alumnado con necesidades especiais. Coñecerase co nome de Mentoring Inclusivo.