Dúas profesoras da USC, na nova xunta directiva da Asociación Hispánica de Literatura Medieval

Na súa última asemblea xeral, a Asociación Hispánica de Literatura Medieval acordou designar a profesora Mariña Arbor Aldea como secretaria e tesoureira da nova xunta directiva. A USC conta así con dous membros docentes da Área de Filoloxía Románica no órgano directivo da asociación xa que desde 2013 a profesora Elvira Fidalgo ostenta o cargo de vicepresidenta.
As dúas profesoras forman parte do grupo de investigación ‘Románicas (Filoloxía, Literatura medieval)’ da USC que coordina a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares subvencionada pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria con axuda de fondos FEDER.
Na mesma asemblea concedéuselle ademais á catedrática de Filoloxía Románica da USC Mercedes Brea a distinción de Membro de Honra que xa posuían recoñecidos investigadores internacionais como os profesores Giuseppe Tavani e Cesare Segre, ambos os dous doutores honoris causa da USC.
Prestixio internacional
A Asociación Hispánica de Literatura Medieval goza de recoñecido prestixio internacional e ten entre os seus obxectivos a promoción da investigación en literatura medieval nas distintas linguas usadas durante a Idade Media na Península Ibérica. Dende o ano 1985 a asociación reúne os seus membros nun congreso bienal internacional que dende 2008 se alterna cun coloquio sobre un aspecto concreto da literatura producida no Medievo hispánico.
A AHLM, que na actualidade conta con máis de 400 socios inscritos repartidos por todo o mundo e que preside Vicenç Beltran Pepió, continúa a ser, por tanto, unha das principais plataformas de difusión dos avances realizados nos distintos campos de investigación que posúe a Literatura Medieval Hispánica.