Uns 130 investigadores españois e lusos participan en Lugo no XII Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

O XII Congreso Galego de Estatística e Investigación en Operacións, un foro organizado polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación en Operacións (Sgapeio) que fixa de novo a súa sede na capital luguesa logo de 18 anos, reúne ata o sábado 24 no Pazo de San Marcos de Lugo preto de 130 investigadores e expertos españois e portugueses.
“É imprescindible que todas as administracións nos impliquemos no impulso do ámbito científico, tendo en conta que o recorte neste eido en España supera xa o 40% dende o inicio da crise”, salientou o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, na apertura deste congreso, un acto no que tamén interviñeron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno;, o presidente do comité organizador deste congreso, José Manuel Colmenero, do Instituto Nacional de Estatística; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a presidenta da Sociedade Galega de Estatística e Investigación de Operacións (Sgapeio), Esther López Vizcaíno. “A perda de capital humano, coñecida como fuga de cerebros, propiciou que desde o ano 2010 máis de 11.000 científicos tiveran que levar o seu talento fóra das nosas fronteiras debido á escasa oferta laboral”, indicou Campos, ao tempo que expresou a vontade de que a Deputación siga a prestar o seu apoio a iniciativas deste tipo, como o Plan de Impulso que temos en marcha coa USC, e que contempla bolsas para a captación de talento e divulgación científica”. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, subliñou os beneficios que está a reportar a colaboración da Deputación co campus de Lugo da USC, tanto no que se refire a captación de talento e de estudantes, como á boa imaxe que se está a proxectar no exterior da cidade e do labor científico que nela se desenvolve. Bueno destacou asemade a colaboración da Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo USC cos organizadores dun encontro científico que ten por obxectivo promover a divulgación científica, así como fomentar a estatística e a investigación operativa en Galicia dende diferentes puntos de vista: na investigación, no ensino, na empresa e nas administracións públicas. Proba desta cooperación é a visita programada á Domus do Mitreo ou o concerto de piano ‘Resonancias aritméticas’ , a cargo de Juan Ignacio Martínez Pardo, que se desenvolverá a partir das 20.30 horas no auditorio da Casa do Saber. O presidente do comité organizador deste congreso, José Manuel Colmenero Álvarez e a presidenta da Sociedade Galega de Estadística e Investigación de Operacións (Sgapeio), Esther López Vizcaíno, tamén se congratularon polo feito de que Lugo volva a ser de novo sede deste congreo, ao tempo que destacaron o interese dun programa estruturado en relatorios, mesas de debate e outras actividades de parellas de divulgación científica e cultural.
A programación oficial desta edición do congreso inclúe algúns relatorios para destacar as aplicacións da Estatística e a Investigación de Operacións nun sector relevante da economía galega como é o conxunto do sector alimentario, que inclúe tanto á industria alimenticia coma aos diferentes ámbitos de recursos do sector: a agricultura, a gandaría, a pesca ou a acuicultura.