Pasar al contenido principal

Trece anos colaborando co ensino medio

A Ponte decidiu hai uns anos ampliar as visitas institucionais de información dos graos e servizos da USC a un seminario permanente (Foto: SERVIMAV-USC)
A Ponte decidiu hai uns anos ampliar as visitas institucionais de información dos graos e servizos da USC a un seminario permanente (Foto: SERVIMAV-USC)
Representantes de centros galegos de ensino medio coñecen na USC as novidades do curso e determinan as accións conxuntas para o seu alumnado

Dende hai 13 anos o programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ funciona como nexo entre a ensinanza secundaria e a universitaria para que a primeira obteña información de todas as novidades importantes no eido da educación superior que sexan de interese para o seu estudantado de último curso. Para perfilar o calendario de accións a desenvolver este ano académico, equipos directivos e de orientación dun cento de centros de ensino medio de Galicia reuníronse este luns no Colexio de Fonseca con membros da USC.

O acto presidiuno o reitor da USC, Juan Viaño, que estivo acompañado polo concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios, e no que interviñeron tamén, entre outros, o vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira, que informou dos dobres graos que empezaron a impartirse este curso; ou o responsable do Programa A Ponte no Campus de Lugo, Javier López González.

Como explicou o reitor, A Ponte decidiu hai uns anos ampliar as visitas institucionais de información dos graos e servizos da USC a un seminario permanente onde especialistas de varios temas van aos centros a explicar conceptos concretos, tendencias ou descubrimentos para así tentar espertar vocacións e talento entre o estudantado. “Esa é a nosa función social. Debemos traballar na divulgación do coñecemento e temos que preocuparnos, coma vostedes, pola educación da mocidade da nosa sociedade”, lles dixo.

Ao longo da sesión de hoxe as persoas asistentes coñeceron a oferta dos dobres títulos, o Centro Superior de Hostalaría, centro especializado colaborador da Universidade de Santiago ou o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, a aposta máis recente e máis intensa pola divulgación da ciencia.

Interveu tamén o director do Centro de Estudos Avanzados da USC, Fernando Cabo, un organismo encargado de promover as ideas máis innovadoras en canto a docencia e investigación; a xefa da Sección de Bolsas, Elena Iglesias, que explicou as novidades deste ano en canto ás axudas públicas ás que poden optar os seus e as súas estudantes; e o delegado do reitor para o Ensino Medio, Luis Hervella, que falou das principais novidades nas probas de acceso á universidade

O acto presidiuno o reitor Juan Viaño (Foto: SERVIMAV-USC)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.10.2015.