Unha investigadora da USC estuda a reconstrución histórica do Século de Ouro español no cine a través da análise de once filmes

Unha investigación desenvolvida na USC por Yolanda López López estuda o modelo de reconstrución histórica do Século de Ouro español no cine, a través da análise dun corpus cinematográfico composto por once filmes, entre os que cómpre citar Alatriste, El rey pasmado, El perro del hortelano, Lope ou Teresa, El cuerpo de Cristo, ademais de series de televisión como El Ministerio del Tiempo.
Licenciada en Historia do Arte pola USC, a investigadora de orixe sarriá presenta na tese de doutoramento que vén de defender na Facultade de Xeografía e Historia da USC unha investigación transversal na que afonda no estudo comparativo e nas complexas relacións entre diferentes disciplinas artísticas, tales como o cine, pintura, arquitectura e teatro no marco dun novo modelo de reconstrución histórica. Na tese ‘Dirección artística e referentes pictóricos no cine español: A recreación do Século de Ouro no cine español das dúas últimas décadas (1991-2013)’, dirixida polo catedrático de Historia do Arte da USC, Luis Hueso Montón, esta investigadora procura analoxías con outros modelos de reconstrución histórica, ao tempo que analiza os factores que poden incidir na profusión deste tipo de filmes, así como os referentes literarios, tanto en textos de época e obras teatrais como novelas históricas. Yolanda López establece ademais as chaves e os referentes artísticos desta corrente de filmes na súa tese de doutoramento, para que a contou coa colaboración de dous dos máis destacados directores artísticos do cine español, como o son Félix Murcia, Premio Nacional de Cinematografía, e Benjamín Fernández. De feito, a investigadora fai no seu estudo unha minuciosa análise de espazos, vestiario, decorados e tamén dos personaxes recreados, ao tempo que afonda de xeito notable tanto na dirección artística como nos referentes pictóricos e arquitectónicos. Tribunal avaliador e cualificación O tribunal encargado de avaliar e cualificar a tese de doutoramento sobre a dirección artística no cine español presentada por Yolanda López López estivo presidido polo catedrático de Historia do Cine da Universidade de Murcia, Joaquín Cánovas Belchí. Os profesores Gloria Camarero Gómez, da Universidade Carlos III; Vidal de la Madrid Álvarez, da Universidade de Oviedo, e Patricia Fra López e José Mª Folgar de la Calle, da USC, completaron a relación de integrantes do comité avaliador da tese de doutoramento presentada por Yolanda López, unha investigación que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.