Pasar al contenido principal

Un equipo de Física Non Lineal alcanza a final dos premios EDPR University Challenge cun proxecto para optimizar a produción de enerxía eólica

A fase final dispútase o próximo día 8 en Madrid, coa participación dos 15 proxectos seleccionados de entre 113 procedentes de 53 universidades

Un equipo dirixido polo profesor Gonzalo Míguez Macho e conformado ademais por Miguel Ángel Prósper Fernández e Carlos Otero Casal, todos eles do Grupo de Física Non Lineal da USC, alcanzaron a final da sétima edición dos premio EDPR University Challenge, unha iniciativa de EDP Renewables para contribuír ao desenvolvemento da excelencia académica de estudantes de licenciatura, grao, posgrao e doutoramento. EDP (Enerxías de Portugal) é un dos principais grupos eléctricos de Europa e o maior de Portugal.

O proxecto do equipo compostelán leva por titulo ‘Predición de produción eólica a alta resolución mediante o uso do modelo meteorolóxico rexional WRF’ e nel se valida o uso deste modelo meteorolóxico como unha ferramenta de predición da produción dun parque eólico.

Á fase final deste concurso accederon os 15 mellores proxectos dun total de 113 presentados por grupos pertencentes a 53 universidades de doce comunidades autónomas. Agora cada grupo deberá presentar en Madrid o próximo 8 de outubro o seu traballo ante un xurado composto por docentes universitarios, persoal de EDP Renewables e de Premivalor Consulting. Finalmente concederanse premios aos tres primeiros clasificados a quen se lle outorgarán un bolsa de estudos para os estudantes e outra de investigación ao director do proxecto.

EDP University Challenge é un concurso anual que ten por meta estimular a comunidade universitaria para aplicar os seus coñecementos académicos no desenvolvemento dun tema ou proxecto nas áreas de mercadotecnia, administración e dirección de empresas e enxeñaría. Tomando en consideración a importancia da existencia dunha relación de proximidade e de colaboración entre as empresas, a sociedade e as universidades preténdese a participación de estudantes e docentes para espertar o seu espírito de innovación e creatividade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.10.2015.