Pasar al contenido principal

O maratón fotográfico do campus pon o foco nas asimetrías en Lugo na súa vixésimo primeira edición

Participantes e organizadores do XXI Maratón Fotográfico do Campus
Participantes e organizadores do XXI Maratón Fotográfico do Campus
Un total de 54 persoas participan no certame, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e dotado con 750 euros e trofeos para as persoas premiadas

‘Asimestrías en Lugo’ é o tema proposto polos organizadores do XXI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no que participan Concello e Deputación de Lugo xunto coa USC e que repartirá 750 euros e trofeos entre os autores das dúas fotografías máis valoradas polo xurado.

O foco das cámaras fotográficas das 54 persoas que formalizaron a súa inscrición nesta cita percorrerán hoxe rúas, barrios e bisbarras luguesas na procura de imaxes que capten calquera tipo de asimetría, xa que este é o tema proposto pola organización dun certame aberto a todos os públicos e que xa se ten consolidado como unha homenaxe á fotografía desde Lugo. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, informou este martes a todos os participantes que se deron cita na Casa do Saber sobre as singularidades desta edición do maratón fotográfico do campus de Lugo, unha cita na que ten cabida tanto a fotografía analóxica como a dixital e que deixa vía libre á creatividade dos participantes. O coordinador do Espazo de Fotografía do campus de Lugo e membro do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, subliñou neste senso que un dos obxectivos deste certame fotográfico e favorecer e, se cabe, estimular a creatividade dos afeccionados á fotografía. Daquela, engadiu, as persoas inscritas teñen que presentar unha fotografía relacionada co tema proposto pola organización, así como outra imaxe de temática libre. Prazos de entrega e trofeos A actividade fotográfica propiamente dita do XXI Maratón Fotográfico do Campus de Lugo desenvolverase a partir das 10.00 horas do martes 29 de setembro ata as 14.00 horas do día seguinte, cando remata o prazo habilitado pola organización para recoller todo o material presentado a concurso. As persoas interesadas deben presentar as súas respectivas propostas artísticas nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo da USC, sitas no edificio da Vicerreitoría de Coordinación. Os organizadores do XX Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de dous premios, que contan cunha dotación económica conxunta de 750 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía do tema tema proposto pola organización recibirá o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 450 euros en metálico, ademais de diploma e trofeo. O premio á mellor fotografía do tema libre inclúe unha gratificación en metálico de 300 euros, diploma e trofeo. Todos os participantes non premiados tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XXI Maratón Fotográfico do Campus. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame, a organización fará unha escolma entre as imaxes presentadas a concurso, tanto entre as galardoadas como as non premiadas, a fin de que todos os autores/as estean representados con algún dos seus traballos. Este material fotográfico, co que está previsto editar un catálogo dixital, tamén será exposto ao público no marco dunha mostra colectiva, cuxa inauguración coincidirá co acto de entrega dos premios ás persoas galardoadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.09.2015.