Pasar al contenido principal

Recepción na Vicerreitoría de Lugo aos membros do Service Point do European Innovation Partnership da Comisión Europea

Recepción dos membros do Service Point da Comisión Europea
Recepción dos membros do Service Point da Comisión Europea
O equipo operativo do EIP-AGRI, formado por 24 persoas de 10 nacionalidades, celebra no campus de Lugo a súa primeira xornada de traballo lonxe de Bruxelas

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico, Andrés Barreiro, ademais do coordinador do LaboraTE da USC, David Miranda, ofreceron este martes unha recepción aos membros do equipo de traballo doService Point do European Innovation Partnership (EIP-AGRI) da Comisión Europea, unha unidade de apoio creada pola Comisión Europea para impulsar a Asociación Europea de Innovación para a Produtividade e Sostibilidade da Agricultura e integrada por un consorcio de 7 socios (sendo a USC un deles) de 6 países, que celebra esta semana no campus de Lugo a súa primeira reunión de traballo lonxe de Bruxelas. A presenza en Lugo deste servizo de asesoramento e información dependente da Comisión Europea responde á invitación cursada polos investigadores do Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da USC integrados neste consorcio, como o son Quico Ónega, Beatriz Guimarey, Andrés García, Marcos Boullón e Eduardo Corbelle. Estes membros do Service Point do Eureopean Innovation Partnership (EIP-AGRI) foron os promotores de trasladar as reunións deste órgano polos países ou localizacións dos grupos e entidades agrupadas no consorcio. Respecto da axenda de traballo programada durante a súa estadía en Lugo, Quico Ónega indicou que no marco destas, que se desenvolverán na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo e, os dous últimos días, nas dependencias do LaboraTE, os membros do Service Point tratarán cuestións ordinarias da súa axenda ordinaria, que xira arredor de catro eixes: xerar publicacións, organizar seminarios, conferencias e paneis de expertos, desenvolver unha web e dotala de contidos e interactuar con organismos e entidades europeas ligadas á agricultura e ao medio rural. O Service Point, liderado pola Axencia Flamenca da Terra (VLM) está formado por consorcio de varias institucións de Bélxica, Alemaña, Estonia e Francia relacionadas co medio rural e a agricultura e silvicultura. A USC integra o Service Point a través do Laboratorio do Territorio (LaboraTe). O equipo operativo está formado por unas 24 persoas de 10 nacionalidades diferentes, catro das cales pertencen ó LaboraTe. A EIP-AGRI, dependente da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión, ten como obxectivo principal a creación de redes temáticas multi-actor que sirvan de punto de encontro para agricultores, consultores, investigadores, industria, ONG e outros para expresar as súas necesidades, compartir as súas ideas e coñecemento e, en último termo, construír solucións innovadoras que poidan ser máis facilmente postas en práctica. Para elo, conta co equipo do Service Point que organiza e facilita numerosos eventos (conferencias, grupos focais, seminarios) nos que se busca mellorar a comunicación e intercambio de coñecemento así como identificar necesidades de investigación dos distintos actores. Así mesmo, froito destes eventos, o Service Point elabora numerosas publicacións e pon a disposición dos usuarios unha ampla gama de ferramentas e servizos web orientados a incrementar o intercambio de coñecemento ou experiencias e a busca de socios para constituír ditas redes e grupos operativos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.07.2015.